
O único candidato a presidir o PP da Estrada, Gonzalo Louzao, avanzou detalles do que pretende facer tras o 11º Congreso Local que se celebrará o vindeiro domingo 19. Louzao quere aprobar un Comité Executivo que terá, aproximadamente, 60 integrantes e nomear a José López Campos Presidente Honorífico do PP da Estrada.
En canto ao Comité Executivo, avanzou que será “equilibrado en canto á representación da dualidade urbana e rural e en canto á continuidade de compañeiros e compañeiras con experiencia e á renovación coa incorporación de caras novas” e someteráse a aprobación dos afiliados.
O actual alcalde da Estrada considera que “a amplitude e a diversidade deste novo comité é unha demostración da forza e do arraigamento social do PP da Estrada, despois dun gran traballo de José López e o seu equipo durante case catro mandatos”. Precisamente, “en recoñecemento ao exitoso labor de transformación da Estrada nos últimos 15 anos”, proporá o nomeamento de José López Campos como Presidente de Honra do PP da Estrada.
Destacou “a xenerosidade e o compromiso” dos que aceptaron formar parte do comité. “A día de hoxe non é doado dar a cara por un partido, por unha ideoloxía e por un proxecto político a cambio de nada e toda esta xente está disposta a facelo co único obxectivo de poder contribuír a seguir mellorando A Estrada”, salientou. Ademais, mostrouse “satisfeito ao comprobar que hai moita xente moza que está disposta a achegarse ao Partido Popular da Estrada”.
Rueda asistirá ao Congreso
O 11º Congreso comezará ás 12.00 horas no pavillón anexo ao Polideportivo Manuel Coto Ferreiro. Comezará José López Campos facendo balance dos seus 15 anos á fronte do partido local. De seguido, Louzao presentará os integrantes do novo Comité Executivo e exporá o seu programa de futuro. Tras el, poderáse escoitar aos presidentes do PP na provincia de Pontevedra e da Xunta, Luis López e Alfonso Rueda, respectivamente.
Imaxe de portada: López Campos e Louzao no pregón do San Paio // Xornal da Estrada


Deixa unha resposta a O BNG denuncia o envío do convite do Congreso do PP a través de grupos parroquiais – Xornal da Estrada Cancelar a resposta