O luns, 7 de xullo de 2025, o Concello da Estrada poñía en marcha o portal municipal de vivenda, no que os propietarios poden publicitar vivendas baleiras que teña en alugueiro. Esta medida buscaba fomentar o arrendamento das 3.313 vivendas que, segundo as estatísticas, non están habitadas. A día de hoxe, a realidade é que se están a anunciar máis vivendas no espazo O Mercadiño de Radio Estrada ca no portal municipal.
A día de hoxe, a realidade é que se están a anunciar máis vivendas no espazo O Mercadiño de Radio Estrada ca no portal municipal
Na presentación do portal, ao que se accede desde a web do Concello, o concelleiro de Reto Demográfico e Vivenda, Manuel Magariños, lembraba que a inscrición no portal será un requisito imprescindible para que os propietarios poidan acceder ás medidas incluídas no Plan Municipal de Fomento de Alugueiro, entre as que se atopa unha bonificación de ata o 50% no IBI.
Aínda así, polo momento só se anunciaron dúas vivendas e as dúas xa se atopan alugadas. “O éxito desta iniciativa dependerá da participación activa dos propietarios. Canto máis inmobles dispoñibles, máis oportunidades de futuro para A Estrada”, afirmaba Magariños naquel momento.
Polo momento só se anunciaron dúas vivendas, que xa foron alugadas
O curioso é que, mentras o portal municipal só conseguiu ter dous anuncios, o espazo de Radio Estrada O Mercadiño ten catro activos, que foron publicados entre o 13 de setembro e o 13 de outubro. Mentras que o espazo do Concello só recibiu anuncios da Estrada – facendo inservible o buscador por parroquias que leva incorporado, o da emisora municipal ten, polo menos, dous do rural.
Algo que puido influír nesta situación é que O Mercadiño leva máis dunha década servindo de taboleiro de anuncios e é coñecido mentras que o portal municipal de vivenda é de nova creación e apenas se publicitou.
Aínda así, non deixa de ser rechamante que, pese a que tanto o portal como a emisora dependen do Concello, teña máis éxito un formato de anuncios varios que o creado ad hoc.
Imaxe de portada: edificios da Estrada // Xornal da Estrada / Arquivo


Deixa unha resposta a Rubi Cancelar a resposta