Denuncian a destrución de hábitats naturais prioritarios en Souto e Codeseda

Denuncian a destrución de hábitats naturais prioritarios en Souto e Codeseda

| Como consecuencia das melloras de pistas forestais | Comentan que a zona volveráse “máis susceptible de arder”

A asociación ecoloxista Verdegaia denunciou que as obras de mellora das pistas forestais que están a realizar o Concello da Estrada e o Servizo de Prevención de Incendios de Pontevedra provocaron unha grave afección a “unha serie de valores naturais e patrimoniais moi relevantes no ámbito autonómico” que se atopan nos montes de Souto, Codeseda e da zona limítrofe de Cerdedo-Cotobade.

Desde a asociación comentan que “o ensanche e apertura de novos viais xa provocou a eliminación ou perturbación de exemplares de 5 especies de flora ameazadas”. Entre elas atoparíase un raro fieito, a Lycopodiella inundata, que se atopa en perigo de extinción e que ten nesa zona a maior poboación de exemplares de toda Galicia.

Outras dúas especies bulbosas, os Narcissus pseudonarcissus subsp. nobilis e Narcissus cyclamineus, tamén se terían visto afectadas polos cortes no terreo, segundo informan desde Verdegaia. A elas sumaríanse a Sphagnum pylaesii e a Fuscocephaloziopsis connivens, dúas especies de briófitas ameazadas “debido ás alteracións sufridas no seu fráxil ecosistema, as brañas”.

Queirogal de Chan de Lamas // Verdegaia

Asemade, terían afectado a Hábitats de Interese Comunitario, entre eles dous considerados prioritarios pola Directiva Hábitats: as turbeiras altas activas e os Queirogais húmidos atlánticos de E. tetralix e E. ciliaris. A afección viría motivada por ter sido atravesados pola maquinaria.

“Estes dous hábitats teñen moi pouca resiliencia ante as alteracións, máis aínda cando esas alteracións afectan ao nivel freático como sucede neste caso”

Verdegaia

Unha zona que será “máis susceptible de arder”

Braña e hábitat de especies protexidas afectada // Verdegaia

Os traballos realizáronse sobre varias Zonas Húmidas incluídas no Inventario de Zonas Húmidas de Galicia, segundo denuncian, así como en varios nacentes de regatos que desembocan no Umia.

Engaden que, a instalación de tubaxes está drenando o terreo e, en consecuencia, estaríanse secando as brañas, que funcionan como almacenamento de auga. En consecuencia, “o vindeiro verán esta zona estará máis seca, polo tanto, máis susceptible de arder”.

Desde a asociación lamentan que “cando este tipo de infraestruturas se fan sen planificación e análise previa do territorio poden provocar efectos adversos, coma neste caso” e engaden que espazos como as brañas serán determinantes nos vindeiros anos de cara a vindeira secas, pois “teñen o efecto esponxa” e aportan auga aos ríos e mananciais de moitas traídas.

Afección ao Patrimonio Cultural

Muro de pedra en seco derrubado // Verdegaia

Do mesmo xeito, tamén se terían visto afectados elementos de protección patrimoniais. Un deles foi o Petróglifo de Chan de Lamas, no que aparece representado un gran cervo único no concello da Estrada e moi peculiar en Galicia. Ademais, teríanse derrubado muros de pedra en seco, protexidos pola UNESCO como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade.

Desde Verdegaia comentan que estas actuacións estánse a realizar no hábitat das Bestas do Santo, protagonistas da Rapa das Bestas de Sabucedo cada mes de xullo, e por onde ten lugar a Baixa.

Piden a paralización das obras

“Ante estas obras executadas con tan pouco criterio, e os danos que ocasionaron e están ocasionando ao patrimonio natural e cultural”, a asociación ecoloxista solicitou a diferentes organismos, entre os que se atoparían os promotores, a paralización destes traballos, amais das autorizacións precisas para facelas e a restauración dos ecosistemas.

Imaxe de portada: Queirogal de Chan de Lamas // Verdegaia

Comentarios

One response to “Denuncian a destrución de hábitats naturais prioritarios en Souto e Codeseda”

  1. Avatar de O BNG pide explicacións polas obras en pistas forestais – Xornal da Estrada

    […] BNG da Estrada pediu explicacións no último pleno a tenor da denuncia feita por Verdegaia esta semana polos danos medioambientais provocadas polas obras de mellora de pistas […]

    Gústame

Deixar un comentario