O aumento de poboación na Estrada: mentras o rural freou a caída, o casco urbano gañou residentes

O aumento de poboación na Estrada: mentras o rural freou a caída, o casco urbano gañou residentes

O pasado luns o Concello da Estrada avanzaba os datos de poboación a 31 de outubro, nos que A Estrada tiña 20.273 habitantes. Uns datos que virían a confirmar que o concello comeza a deixar atrás unha tendencia descendente que o levou a case baixar dos 20.000 habitantes.

De feito, ata 2024 o último ano que se incrementou a poboación foi 2003. Sen embargo, de confirmarse unha cifra semellante á avanzada — faráse xa en 2026 –, estariamos falando de que A Estrada encadearía dous anos consecutivos aumentando a súa poboación, algo que non sucedeu no que vai de século.

Esta nova situación ten a súa explicación tanto no que está acontecendo no casco urbano coma no rural.

Freo á perda de poboación no rural

Para esta análise, separaremos a parroquia da Estrada das demais, ás que consideraremos as parroquias do rural. Nelas, no ano 2000 vivían 14.477 persoas e no 2024 facíano 10.396, é dicir, 4.081 persoas menos. Se ben nunca deixou de baixar esa cifra, si que nos últimos tempos esa tendencia volveuse menos acusada.

Aínda así, temos que diferenciar entre parroquias, pois todas perderon poboación entre o 2000 e o 2024 — exceptuando á da Estrada –, aínda que non por igual.

Por exemplo, se falamos en termos porcentuais, a parroquia que máis poboación perdeu neste periodo foi Sabucedo (-61,54%), seguida de Liripio (-60,61%) e San Miguel de Castro (-51,27%), mentras que se o facemos en termos absolutos as máis perxudicadas pola perda de poboación son Rubín (-200 habitantes), Souto (-172) e Codeseda (-167).

Pola contra, as que menos perderon en termos porcentuais son Barbude (-12,5%), Ribeira (-12,58%) e Lagartóns (-14,24%). En valores absolutos, Barbude repite como a que menos poboación perdeu (-14 veciños), seguida de Baloira (-16) e Santa Mariña de Barcala (-28).

Iso si, en moitas parroquias a perda de poboación freouse hai varios anos. Podemos destacar dous períodos temporais en canto á estabilización dos datos de poboación nas parroquias: o comprendido entre 2011 e 2014 e o que vai de 2018 a 2022.

No primeiro podemos incluír a Santa Mariña de Barcala, Callobre, San Miguel de Castro, Frades, Guimarei, Lagartóns, Sabucedo e Santeles, mentras que no segundo atoparíanse Berres, Lamas, Loimil, Moreira, Oca, Parada, Paradela, Pardemarín, Ribeira, Ribela, Riobó, A Somoza, Souto, San Xiao de Vea, San Xurxo de Vea, Santo André de Vea e Vinseiro.

Do mesmo xeito, Arca, Guimarei, Lagartóns, Loimil, Matalobos, Oca, Remesar e A Somoza levan varios anos gañando poboación ou, cando menos, cunha tendencia á alza.

Outras parroquias que se poden destacar son Toedo, que exceptuando os anos 2007 e 2008 sempre se moveu nas mesmas cifras; Baloira, que desde o 2003 adoita estar en torno aos 85 habitantes, ou Cereixo, que nos últimos anos está freando a caída poboacional.

O caso da Estrada

No que levamos de artigo centrámonos no rural e obviamos á parroquia da Estrada. O certo é que é a única parroquia que aumentou a súa poboación entre o 2000 e 2024. Fíxoo en 1897 habitantes ou, o que é o mesmo incrementou nun 24,2% o número de residentes.

Aínda que desde inicios de século ata o 2012 sempre gañou habitantes, iso non foi sufiente para impedir que o concello non perdese poboación. A iso sumóuselle que entre 2012 e 2022 a poboación mantívose estable, algo que mudaría desde 2023, cando volveu a iniciar o seu crecemento.

O freo á caída demográfica

Tendo en conta o mencionado anteriormente, vemos que a reversión da situación poboacional do concello vén dada pola estabilización da poboación en moitas parroquias e pola nova tendencia á alza da parroquia da Estrada, ademais doutras do rural, que contrarrestan as perdas de poboación que se seguen a dar noutras zonas do concello.

Asemade, isto demostra a importancia do rural á hora de gañar poboación en todo o concello, pois só foi posible que o concello da Estrada gañase habitantes no momento no que parte do rural deixou de perdelos.

Imaxe de portada: Imaxe de arquivo de Liripio e gráfico da variación porcentual de poboación entre o 2000 e o 2024 // Montaxe: Xornal da Estrada

Comentarios

One response to “O aumento de poboación na Estrada: mentras o rural freou a caída, o casco urbano gañou residentes”

  1. Avatar de 23 parroquias gañaron poboación, fronte a 24 que a perderon – Xornal da Estrada

    […] artigo publicado en novembro analizando a evolución da poboación nas parroquias da Estrada, destacabamos que entre 2011 e 2014 varias parroquias estabilizaran a súa poboación, manténdose […]

    Gústame

Deixar un comentario