Esta fin de semana a Asociación Aspas de Santiago de Compostela proclamábase vencedora dos Special Olympics, unha competición de fútbol sala nacional que se celebrou en Ourense. Facíano no nivel 2 dun total de 4, ao que chegaron tras unha ronda para coñecer o nivel de cada equipo e en que categoría ían competir.
Foron catro días de competición nos que participou o estradense Alejandro Carballo, o único da asociación. Picheleiro de orixe, estradense dende hai cinco anos, forma parte da asociación dende o 2000.
“Foi unha experiencia boa, coñecín bos amigos”, asegura. A iso súmaselle que é o primeiro título de importancia que gaña a asociación desde 2004. “É como se fose unha Copa do Rei”.

Esta victoria tivo un significado especial para Alejandro Carballo, pois “viña dunha operación e non contaba con estar alí”. Na súa categoría xogaron contra Canarias, Aragón, Chamorro e ASPNAIS e na final enfrontáronse aos canarios. “Cando gañamos a Canarias rompín a chorar, veume todo o que pasou no hospital”.
A vitoria, comenta, foi unha sorpresa, pois “non pensabamos en chegar a este nivel”. “Os adestradores e eles [os xogadores] son uns fenómenos, estou orgulloso deles”, engadiu.
Aínda que o ouro foi un gran agasallo, tamén destaca outro igual de importante: “gañar está ben, pero tamén é importante socializar”.

Ademais deste campionato, participaron noutro en Castellón coa Selección Galega, onde quedaron segundos, e compiten na liga da Coruña con outros centros. Nesa liga xoga o Prodeme (Monforte de Lemos), a quen consideran “o Real Madrid”.
Do mesmo xeito, gústanlle outros deportes, como o baloncesto — no que “prácticamente somos os mesmos” ca en fútbol sala –, natación, xadrez, ping-pong, bádminton ou o rugby, deporte que xa deixou de practicar. Na natación, onde a súa especialidade é de costas, tamén destaca. Foi segundo de España e o seu seguinte reto é completar dous largos en competición.
Por outra banda, entre as súas afeccións tamén se atopan ler, a música e debuxar.
Imaxe de portada: Alejandro Carballo no Special Olympics Galicia // cedida


Deixar un comentario