A Estrada vivirá o seu acendido do alumeado de Nadal máis solidario

A Estrada vivirá o seu acendido do alumeado de Nadal máis solidario

Fronte a outros concellos nos que quen acende o alumeado de Nadal é o alcalde, A Estrada continúa apostando polos máis pequenos das casas, por aqueles que cada 25 de decembro e 6 de xaneiro son os primeiros en erguerse, emocionados, para abrir os agasallos que apareceron debaixo do pino que, en moitos casos, decoraron unhas semanas antes.

En 2024 foi Álex, un rapaz de 9 anos, o que dou inicio de xeito oficial ao Nadal na Estrada. Este ano o Concello apostará por un evento no que os rapaces continuarán sendo os protagonistas e que engadirá a solidaridade como pano de fondo. Deste xeito, o vindeiro venres 5 de decembro a chegada do Nadal virá acompañada dunha campaña solidaria a prol de Asanog, a asociación que axuda a mellorar a vida de menores con cancro en Galicia.

“Estas festas teñen un espírito solidario innegable que nos invita a pensar nos demais e nas súas necesidades. Coido que iso é un atributo marabilloso destas das que podemos experimentar plenamente como sociedade”

Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada

Deste xeito, serán varios nenos de familias da Estrada coas que colabora Asanog os que pulsen o botón que levará a maxia do Nadal ás rúas estradenses. Será arredor das 19.30 horas na Praza do Concello.

O espectáculo do acendido

O ambiente festivo comezará a sentirse desde unha hora antes na zona peonil grazas ao séquito de A Rombos no Nadal, un amplo pasarrúas formado por músicos, zancos e animadores. Asemade, ao pé do consistorio estarán Os Bolechas agardando por eles.

Esta particular ‘coreografía’ que iniciará a época festiva continuará co propio acto de acendido. No momento no que se vaia a producir a praza quedará ás escuras para, no momento en que se presione o botón, a sorpresa sexa maior, sendo o primeiro que vexan os asistentes como se iluminan a fachada do Concello, o photocall, o palco da música e a árbore de 15 metros de alto instalada nese espazo.

Tras iso, os canóns dispararán confetti e comezará a soar un coñecido repertorio de Nadal interpretado pola Banda Escola e a Banda Municipal da Estrada.

Iluminación prevista para a Praza do Concello // Concello da Estrada

Para este evento, que coincide co inicio da ponte festiva, o Concello da Estrada convidará aos rapaces e rapazas de todos os centros educativos do municipio a estar presentes.

Posto e chocolatada solidarios

Asemade, haberá un posto de Asanog no que os asistentes poderán facer as súas achegas para respaldar o seu traballo, tan importante para tantas familias de toda a comunidade.

Nesta liña, os asistentes poderán participar nunha chocolatada solidaria aportada polo Concello. Esta faráse coa intención de que aqueles que recollan o seu vaso de chocolate quente fagan unha achega, por pequena que sexa, para contribuír á actividade de apoio de Asanog aos rapaces e rapazas con cancro e ás súas familias.

Alumeado previsto para a Praza da Inmaculada // Concello da Estrada

116 arcos luminosos

En canto á iluminación festiva que se instalou nas rúas, son 116 arcos luminosos colocados nas diferentes rúas, amais doutros 302 elementos de iluminación. Moitos deles colocáronse na Praza da Constituvión, Praza de Galicia (A Farola), Porta do Sol, Praza da Inmaculada, Praza da Feira e Praza do Mercado, entre outras ubicacións.

O alumeado acenderáse a diario de 18.00 a 00.00 horas, excepto nas fins de semana que se ampliará o seu horario ata as 3.00. A iso sumaráse unha programación cultural que se dará a coñecer a vindeira semana, segundo apuntan desde o Concello.

Imaxe de portada: acendido de 2024 // Concello da Estrada

Comentarios

Unha resposta a “A Estrada vivirá o seu acendido do alumeado de Nadal máis solidario”

  1. Avatar de A Estrada prepárase para un Nadal cheo de solidariedade – Xornal da Estrada

    […] parte do Nadal estradense. Comezando polo acendido do alumeado de Nadal do vindeiro venres 5, que recaudará fondos para Asanog, seguiráse co Papá Noel solidario coa Fundación Andrea o domingo 14 e remataráse coa San […]

    Gústame

Deixar un comentario