Os primeiros colectores marróns chegarán ás rúas estradenses a vindeira semana
O Concello da Estrada comezou a posta a punto dos 500 composteiros que foron solicitados para o rural. Estes súmanse aos 100 xa distribuidos previamente. Asemade, a partir da vindeira semana instalaranse os primeiros contedores marróns.
No tocante ao medio milleiro de composteiros, unha empresa especializada será a encargada de facer unha formación en cada domicilio sobre o uso correcto destes, ademais de comprobar que se fai un uso axeitado deles, pois os técnicos regresarán aos domicilios para asegurar que se está empregando para o fin para o que está destinado.
O concelleiro de Servizos Municipais, Óscar Durán, desvelou este mércores que estes composteiros son máis modernos que os xa instalados, pois contan cun reloxo que indica en que momento comeza a producirse o compós. Do mesmo xeito, avanzou que se baralla ofrecer máis composteiros, debido á alta demanda que tiveron.
Chegan os contedores marróns
Noutra orde das cousas, a vindeira semana comezarán a instalarse os contedores marróns, destinados á materia orgánica. Nesta primeira fase, destinada aos grandes produtores de residuos orgánicos, colocaránse 15 colectores. Unha vez comprobada a efectividade desta fase, nunha segunda chegarase ás 60 unidades de depósito deste tipo, para que sexa a cidadanía en xeral quen tamén tire alí os seus residuos orgánicos.
O gran cambio respecto ao resto de contedores reside na súa utilización, pois é preciso empregar unha tarxeta que se pode retirar no Concello. Os interesados poderán facelo en breves, aínda que nun inicio terán que depositar os seus residuos nos colectores próximos aos grandes produtores.
No momento no que se inicie a segunda fase, previsto para o mes de xaneiro, ofreceráse información sobre a retirada das tarxetas. Asemade, nos vindeiros días haberá campañas a pé de rúa que permitirán aos interesados recibir información a pé de rúa e recibir o seu kit de voluntario. Este componse de bolsas compostables, un cubo aireado de 10 litros, un folleto e, a maiores, a tarxeta para a apertura dos contedores.
Imaxe de portada: membros do goberno na campaña informativa sobre o contedor marrón (novembro de 2025) // Concello da Estrada


Deixar un comentario