Comeza a experiencia piloto, que en xaneiro estenderáse á cidadanía en xeral
Este sábado instalaráse unha carpa da campaña “Ti tes a chave” na Praza do Mercado. Nela, as persoas e empresas interesadas poden darse de alta como usuarias dos contedores marróns que comezarán a chegar ás rúas estradenses a partir do vindeiro luns.
Os veciños que queiran comezar a depositar os seus residuos orgánicos nesta primeira fase, máis orientada aos grandes produtores destes restos, poderán achegarse a esta carpa entre as 10.30 e as 13.30 horas. Alí, facilitarán os seus datos de contacto e tramitarán in situ a súa alta na campaña, recibindo a tarxeta de apertura destes contedores e un kit de benvida, que consta dun cubo aireado, un pack de bolsas compostables e un folleto informativo.
A campaña que arranca estes días é unha experiencia piloto pois, como xa se mencionou anteriormente, está orientada aos grandes produtores de restos orgánicos, aínda que poderá participar a cidadanía. De feito, só se instalará unha decena de colectores e será nas proximidades das empresas que máis residuos deste tipo xeran.
Segundo se avanzou esta mesma semana, a previsión é que en xaneiro, tras comprobar os resultados desta experiencia piloto, comece a segunda fase, xa pensada na participación de todos os residentes, na que se chegará aos 60 contedores distribuídos polas rúas da Estrada.
Imaxe de portada: kit de benvida que se entregará // Concello da Estrada


Deixa unha resposta