Publicidade

A Fundación Andrea acenderá o Nadal da Estrada

A Fundación Andrea será a encargada de acender o alumeado de Nadal o vindeiro venres 27. Séguese así a liña de acendidos solidarios que se implantou nos últimos anos. A ubicación darase a coñecer nos vindeiros días, mais xa se revelou que o acendido será ás 19.00 horas.

Foi o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, quen anunciou que serán as familias beneficiadas pola Fundación Andrea as que preman o botón que dará inicio ao Nadal na vila. Esta fundación ten como como finalidade a atención e o apoio económico, moral, informativo ou de calquera outra natureza ás familias que, contando con escasos recursos económicos, teñan que coidar dos seus fillos durante as enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais que estes poidan padecer, facilitándolles solucións e axudas áxiles ante situacións de carencias inmediatas.

As persoas que se sumen ao acendido poderán colaborar co labor que desenvolve esta entidade, que estará representada pola súa presidenta, Charo Barca. Aínda que a forma de aportar explicarase nos vindeiros días, xa se avanzou que haberá unha fila cero.

O lugar no que se realizará queda, tamén, para os vindeiros días. Se ben nos últimos anos o acendido facíase dende a Praza do Concello, este ano os elementos principais divídense entre a propia praza, onde se instalará unha decoración de inspiración centroeuropea, e A Farola, onde estará a árbore máis alta do Nadal estradense, con 22 metros de altura. A montaxe da Praza do Concello comezará este martes.

Previo e post do acendido

Ás 18.00 horas, unha hora antes de que comece o acto de acendido do alumeado, Troula Animación percorrerá as rúas da Estrada. Tanto o sábado 28 coma o domingo 29 o Circo no Camiño estenderá a súa carpa de maxia, circo e música na Estrada.

Ademais, o venres 27 ás 20.00 horas o Teatro Principal acollerá a representación do Lago dos Cisnes da man da International Ballet Company.

Imaxe de portada: acendido do alumeado do pasado Nadal, con Asanog // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta