É unha xornada de folga “prácticamente segura”
Este venres as liñas de bus que teñen algunha saída, parada ou chegada na provincia da Coruña voltaron ir á folga. O seguimento, informa o sindicato CIG, foi “prácticamente total” e houbo concentracións nas estacións de Santiago e Coruña e diante do edificio administrativo de Ferrol.
O voceiro da FGAMT-CIG, Ernesto López, asegurou que “a folga do vindeiro luns é practicamente segura” pese a ter recibido o pasado xoves unha solicitude de mediación por parte da patronal e que eles aceptaron.“Se despois da folga do día 5 xa tivesen feito a solicitude, probabelmente a estas horas teríamos unha mesa aberta, estaríamos en conversas e igual até se daban as condicións para evitar a xornada de paro de hoxe”, engadiu.
De manterse convocada a xornada de paro, poderían rexistrarse incidencias nas liñas que unen A Estrada con Santiago e viceversa, así como o resto de liñas que pasan pola Estrada e rematan nalgún concello coruñés. Do mesmo xeito, no caso de que as negociacións non sexan fructíferas, para o vindeiro venres 19 convocouse outra xornada de folga, que podería provocar as mesmas incidencias. No caso de que non se chegue a un acordo antes do 9 de xaneiro, esta folga pasaría a ser indefinida.
Os participantes reclaman que se desbloquee o novo convenio, que leva catro anos paralizado. Esixen que se aborden varias necesidades que consideran cruciais, tales como unha subida salarial digna, a redución da xornada e a ordenación do tempo do sector — medidas que consideran necesarias para “humanizalo” –, a actualización e modernización dos permisos retribuídos e días de asuntos propios, o recoñecemento do transporte discrecional como unha actividade que tamén é un servizo público de primeiro nivel e cuxa responsabilidade non debe recaer unicamente sobre o persoal condutor e da xubilación parcial e a ordenación da xornada para o persoal acompañante.
Imaxe de portada: concentración na estación de Santiago // CIG


Deixa unha resposta