Dende este venres o parque infantil de Figueiroa quedará pechado ao público para colocar novos elementos de xogo, ampliando a superficie destinada a este uso. De feito, incrementarase en pouco máis dun 50%, ao pasar de 116 a 176 metros cadrados de superficie.
O concelleiro de Servizos Municipais, Óscar Durán, explicou que a mellora contempla a ampliación da soleira actual, así como a completa substitución do pavimento existente. As lousas cadradas de caucho que ten agora cambiaranse por un pavimento continuo. Ademais, incorporaranse novos elementos de xogo, conservando os que hai e que aínda teñen vida útil.
Deste xeito, colocarase unha nova estrutura multixogo e un columpio de cesta, amais de renovar o mobiliario coa instalación de novos bancos e papeleiras. A pérgola manterase para manter a zona de sombra. Con todo, prevese realizar un labor de saneamento da zona axardinada.
Os traballos prolongaranse durante un mes, segundo as previsións actuais. Durán asumiu que a superficie a expandir é limitada. “Apostamos no seu día por crear este parque en Figueiroa e agora apostamos por amplialo todo o posible”, apuntou
Recoñeceu que se valorou ampliar a superficie do parque con solares anexos, pero as opcións serían limitadas e inviables. Pola contra, estase traballando e estudando posibles alternativas noutras localizacións da contorna.
Imaxe de portada: parque de Figueiroa // Concello da Estrada


Deixa unha resposta