Publicidade

“Este premio é de toda unha parroquia que cre que a cultura galega merece ter espazo, voz e futuro”

O pasado martes o Teatro Principal acolleu a entrega dos XXXVI Premios San Martiño. O Premio Estrada e comarca Tabeirós-Terra de Montes foi parar á Asociación Coto Manguelo, o Premio Galicia Enteira, a Eferro e o Premio Galicia Enteira, a Leilía. Os tres recibiron unhas esculturas feitas por Manolo Vilaverde.

No caso do Coto Manguelo recolleu o premio a súa presidenta, Verónica Vázquez, acompañada da Xunta Directiva. “Para nós é unha enorme alegría recibir este recoñecemento e aínda o é máis poder compartilo con Leilía e Eferro, proxectos que son referentes da nosa lingua e da nosa cultura”, asegurou Verónica. Sinalou a “responsabilidade” de recibir este recoñecemento porque “a lingua galega non só é unha ferramenta para comunicarnos. É parte da nosa historia, da nosa identidade, da nosa cultura e da maneira que temos de entender o mundo”.

Vázquez lembrou algunhas das actividades que organizan dende o Coto Manguelo. Engadiu un agradecemento aos que “forman e formaron parte de Coto Manguelo”. “Este premio é de toda unha parroquia que cre que a cultura galega merece ter espazo, voz e futuro”, asegurou. Puxo sobre a mesa o labor que exercen as asociacións culturais ao crear espazos de encontro “con recursos moi limitados”.

No tocante ao Premio Galicia Enteira, que foi parar á firma Eferro, recolleron o premio Chicha e Elena Ferro Lamela. Elena Ferro comentou que é a primeira vez que reciben un premio por comunicar en galego. Asegurou que ten tres premisas, que son “dignificar os zocos, dignificar o rural e dignificar o galego, que son tres cousas que estiveron desprezadas durante moito tempo”.

A entrega de galardóns rematou coa categoría Toda unha Vida, que foi parar a Leilía. Recollérono Ana, Rosario, Mercedes e Patricia. Sinalaron os tres galardoados están “conectados” no “amor pola tradición, amor pola lingua e amor polo país”. “Nós fomos pioneiras, arrancamos alá polo ano 89, Cando daquela nós subiamos aos escenarios coas nosas pandeiretas, cos nosos traxes de decotío e as nosas pañoletas, a xente mirábanos ir cara os escenarios e dicían: ‘miñas pobres, onde irán?’”, lembraron.

“Nós criamos que era necesario sacar do olvido a tradición oral galega e era necesario darlle un sitio ao labor das mulleres como creadoras e trasmisoras e conservadoras da tradición oral galega”, engadiron. Apuntaron que agora é normal cantar e tocar a pandeireta. “Se fomos quen, como país, sen demasiada axuda, sen demasiados medios, se conseguimos sacar do olvido e do esquecemento unhas melodías que estaban denostadas e esquecidas e se conseguimos que agora a xuventude toque, cante e baile en galego e respecte isto, por favor loitemos entre todos, no pouco grao que poidamos aportar, fagamos o mesmo co galego, porque o galego en dúas xeracións, como siga así, desaparece. E o galego é o que nos dá identidade como país”, concluíu Ana.

Imaxe de portada: entrega do premio ao Coto Manguelo // Concello da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta