Publicidade

Borrageros define como unha “vitoria da veciñanza” a arquivación da gasolineira da Baiuca

O candidato á Alcaldía do BNG, Marcos Borrageros, celebrou a arquivación por parte da Xunta de Galicia do expediente da gasolineira da Baiuca. Asegurou que foi “unha vitoria da veciñanza da Estrada, que se implicou dende o primeiro momento”.

Referiuse á manifestación que convocaron os nacionalistas, á que acodiu algo máis de medio cento de persoas. “A veciñanza deixou moi claro que non se trata dun capricho, senón da saúde dos nenos e das nenas, do descanso das familias e do modelo de vila que queremos”, dixo.

Segundo Borrageros, este caso demostra que “cando a veciñanza se organiza e se fai oír, as institucións teñen que escoitar”. Lembrou que dende o seu partido non cuestionaron o proxecto, senón a ubicación, posto que se ía instalar a escasos 30 metros da escola infantil e do xulgado, así como a menos de 15 metros da vivenda máis próxima. Comprometéronse a seguir atentos a calquera novo movemento que afecte á contorna da Baiuca, dado que o promotor, Urban Strada S.L., pode presentar un recurso contra a decisión da Xunta.

Imaxe de portada: un dos carteis empregados na manifestación polo BNG, colgado no muro da zona na que se ía facer a gasolineira // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta