A normalización da lingua galega citouse este martes no Teatro Principal coa entrega dos Premios San Martiño. Os galardoados foron a Asociación Cultural Coto Manguelo de Orazo (no ámbito de Tabeirós-Terra de Montes); Eferro (na categoría Galicia Enteira) e o grupo Leilía, que recibiu o Premio Toda unha Vida.
Da Asociación Cultural Coto Manguelo destacouse o seu labor a prol da dinamización cultural e da participación veciñal no rural. O colectivo recuperou a súa actividade tras varios anos de paréntese grazas ao impulso dunha nova directiva, que conseguiu devolverlle vida a un proxecto que hoxe continúa promovendo iniciativas como o Manguelo Folk, a Mostra de Teatro Afeccionado de Orazo, andainas e obradoiros. Actividades que van máis alá da programación cultural, ao converterse en espazos de encontro, convivencia e transmisión da cultura e da lingua propias. O premio foi entregado por Iván Sanmartín, representante do padroado.
Eferro, firma de artesanía de Vila de Cruces, recibiu o recoñecemento na categoría Galicia Enteira. A través do seu traballo cos zocos, unha peza fondamente vinculada á tradición rural galega, Eferro demostra que tradición e innovación poden camiñar da man. A recuperación dun legado familiar e a súa adaptación aos novos tempos, levando a artesanía galega a novos escenarios e mercados, constitúen tamén unha forma de defender e proxectar a identidade cultural do país. O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, foi o encargado de entregar este galardón.
O Premio Toda unha Vida foi para Leilía, grupo destacado na recuperación e difusión da música tradicional galega. Nas súas tres décadas de hsitoria, as súas integrantes percorreron aldeas, recolleron cantigas e recuperaron melodías e voces que forman parte da memoria colectiva, trasladando toda esa riqueza aos escenarios. Unha traxectoria na que a música foi tamén unha ferramenta de compromiso coa lingua e coa cultura popular. O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, fixo entrega deste recoñecemento.
Xornal da Estrada publicará o vindeiro xoves un artigo con todas os discursos
Imaxe de portada: // Xornal da Estrada


Deixa unha resposta