
O alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, marcarán o inicio da campaña electoral das xerais na Estrada. Será cun mitin no Teatro Principal da Estrada. Faise para apoiar a Feijóo no seu camiño cara a Presidencia do Goberno, motivo para o cal o partido conta cunha nova sede no municipio.
Despois da pegada de carteis ás 00.00 horas deste venres, ás 20.00 horas o Principal acollerá a varios dos pesos pesados do PP a nivel local, autonómico e nacional. Amais dos xa mencionados Martínez-Almeida e Rueda, estarán o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, o cabeza de lista ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Julio García Comesaña, e o presidente do PP provincial, Luis López Diéguez.
O presidente do PP estradense, Gonzalo Louzao, instou “a mobilizarse como nunhas Eleccións Municipais para convencer á veciñanza do cambio necesario para España que representa Feijóo”. “Non podemos confiarnos, porque nada está gañado”, advertiu. Agradeceu “a confianza” do PPdeG por programar un dos principais mitins do inicio de campaña na Estrada.
Nova sede local
Na noite deste martes o presidente do PP local e alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, convocou ao Comité Executivo para planificar o traballo das vindeiras semanas “co obxectivo de que o PP da Estrada logre un gran resultado o 29N para axudar a Alberto Núñez Feijóo a chegar á Presidencia do Goberno”.
A reunión celebrouse na que será a nova sede dos populares no municipio. Atópase no número 12 da Rúa Serafín Pazo — en fronte á libraría Durán — e quedará acondicionada a finais desta semana para afrontar con maior comodidade o ciclo electoral que abrirán as Xerais do 29N e, en principio, pecharán as Autonómicas en 2028. De por medio, o 23 de maio de 2027 celebraranse as Municipais.
Imaxe de portada: Comité Executivo do PP na nova sede // PP


Deixa unha resposta