Reices: “Onde está o momento do Museo que ía liderar este alcalde?”

Reices: “Onde está o momento do Museo que ía liderar este alcalde?”

O nacionalista pide explicacións polo atraso na reapertura do Museo Reimóndez Portela

O voceiro do BNG da Estrada, Xoán Reices, denunciou este venres a “nula credibilidade” e o “cinismo político” que consideran que ten o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, no tocante á reapertura do Museo do Pobo Estradense, que leva o nome de Reimóndez Portela. Lembraron que hai un ano o mandatario anunciaba que “chegara o momento” desta instalación, algo que, comenta, foi “unha mentira deliberada”.

“O 24 de novembro de 2024, Louzao vendía titulares grandilocuentes. Trece meses despois, os veciños e veciñas da Estrada pasan por diante do edificio e o que ven é o mesmo abandono de sempre. Onde está o momento do Museo que ía liderar este alcalde?”, preguntou o nacionalista.

Reices acusou a Louzao de ser un alcalde “de fotos e pouco traballo”. “Non se pode dicir hai un ano que o proxecto está encarrilado e hoxe o museo estradense segue coa porta pechada. Iso é rirse da xente”, engadiu e acusouno de anunciar o proxecto “para saír do paso”. Continuou afirmando que “a realidade é que o seu goberno non ten peso político para conseguir financiamento nin capacidade para xestionar unha obra básica”.

Por iso, anunciou que levarán este asunto ao vindeiro pleno, que se celebrará o 8 de xaneiro, ademais de esixir explicacións inmediatas, “un calendario real e vinculante” e rematar o “vende-fume”.

Atrasos no inicio das obras

No seu momento o Concello anunciou que a reapertura produciríase no segundo semestre de 2025 e que as obras comezarían no mes de xullo e prolongaríanse polo de agosto, aínda que finalmente non comezaron ata o 17 de setembro. O prazo de execución era dun mes e, despois, aínda se tiña que adxudicar a elaboración do discurso expositivo.

Imaxe de portada: Constantino Regueira, Sindo Vilamaior e Xoán Reices diante do museo // BNG

Comentarios

Deixar un comentario