A Estrada valora incorporar “unha ou dúas carrozas máis” á cabalgata de Papá Noel

A Estrada valora incorporar “unha ou dúas carrozas máis” á cabalgata de Papá Noel

Os eventos deportivos acadaron participacións “de récord”

Este mércores o Concello da Estrada fixo balance da campaña de Nadal, con especial énfase nas cabalgatas de Papá Noel e Reis Magos, pero sen esquecerse dos dous principais eventos deportivos (San Silveira e San Silvestre), do alumeado e da programación cultural.

O concelleiro de Promoción Económica, Óscar Durán, comezou a análise valorando a cabalgata de Papá Noel. “A cabalgata de Papá Noel volveu darnos unha sorpresa moi agradable. É un evento que non se programa en todos os concellos, que cada ano ten máis público e que constitúe un importante aliciente para hostalería e comercio”, sinalou. Lembrou que á tradicional carroza este ano sumóuselle un desfile con personaxes de animación e recoñeceu que están valorando incorporar “unha ou dúas carrozas máis” á seguinte cabalgata de Papá Noel.

Cabalgata de Reis // Xornal da Estrada

Valorou de “auténtico espectáculo” á cabalgata de Reis, que volveu ter éxito. Segundo comentou, conseguiu atraer público foráneo e que “a xente na rúa compáraa coa cabalgatas de grandes cidades, sen ánimo de desmerecer a ninguén”. Nesta cabalgata tamén participaron as bandas de Música Municipal da Estrada e de Gaitas de Barbude.

8 carrozas na cabalgata de Reis

Nela repartíronse 3000 caramelos

Fonte: Concello da Estrada

Durán quixo agradecer todo o esforzo organizativo para a chegada dos Magos de Oriente á Estrada. Recordou a complexidade de ter que cortar momentáneamente a N-640, polo que aproveitou a ocasión para reivindicar a chegada da variante.

Decoración no palco da música // Xornal da Estrada

En canto á iluminación das rúas, mostrouse convencido de que o esforzo nesta materia xa cubre as necesidades. “A xente vén á Estrada a ver o ambiente que se crea na rúa, non vén por se temos cada ano unha árbore máis alta que a anterior. De cara ao próximo Nadal temos que darlle unha volta e pensar nun atractivo que non pase por incrementar as luces”, indicou.

En canto ao deportivo, desde o Concello definen este Nadal como “de récord”, tendo en conta que a San Silveira, a San Silvestre e a San Silvestre Acuática superaron as marcas das edicións anteriores.

Saída da San Silvestre // Xornal da Estrada

Centrándose nas dúas probas que se celebraron o 31 de decembro, a San Silveira contou con 177 participantes e a San Silvestre con 905, segundo os datos ofrecidos pola institución municipal. Asemade, entregáronse máis de 1.200 quilos de alimentos a prol de Cáritas Parroquial da Estrada.

No eido cultural, a concelleira de Cultura, Lucía Seoane, sinalou que moitos dos 40 eventos celebráronse co aforo completo, tales como o espectáculo Pinocho ou o concerto de Nadal do Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso.

Imaxe de portada: cabalgata de Papá Noel // Concello da Estrada

Comentarios

Unha resposta a “A Estrada valora incorporar “unha ou dúas carrozas máis” á cabalgata de Papá Noel”

  1. Avatar de GALERÍA | As imaxes da cabalgata de Reis – Xornal da Estrada

    […] mércores, no balance da campaña de Nadal, o concelleiro de Promoción Económica, Óscar Durán, aseguraba que a cabalgata de Reis “foi […]

    Gústame

Deixar un comentario