A Estrada duplica a cuantía dos premios do concurso do luns de Entroido

A Estrada duplica a cuantía dos premios do concurso do luns de Entroido

O Concello xa se atopa traballando no desfile das parroquias do martes de Entroido

A concelleira de Cultura, Lucía Seoane, anunciou este xoves que van duplicar a cuantía económica dos premios do concurso de comparsas que celebra o concello o luns de Entroido. Ademais, comentou que antes do Nadal mantiveron as primeiras reunións para o desfile das parroquias, que terá lugar o día seguinte.

Desde o Concello explicaron que son conscientes da importante inversión económica que fan os participantes, ás veces chegados de outros concellos, polo que decidiron aumentar os premios que se outorgarán no concurso que se celebrará o luns 16 de febreiro.

No caso dos grupos, o primeiro premio será de 2.000 euros (+800 euros), o segundo de 1.500 (+900), o terceiro de 1.000 (+700), o cuarto de 500 (+350) e o quinto, só para grupos locais, de 450 (+250).

En canto ao resto de categorías, a nivel individual, o vencedor na categoría infantil (ata 14 anos) percibirá 90 euros, quen o faga na de adultos conseguirá 120 euros, a mellor parella recibirá 150 euros e a mellor mascota, 50 euros e un saco de penso doado por 4Canciños.

O desfile comezará ás 16.30 horas na Rúa Antón Losada Diéguez.

En canto ao día máis tradicional, o martes de Entroido, Seoane avanzou que o luns 26 de xaneiro manterán unha reunión coas parroquias e agrupacións que participen. Lembrou que o prazo para anotarse aínda está aberto, sendo necesario facelo antes do luns 26.

Cada agrupación participante recibe 700 euros, aínda que teñen que cumprir unha serie de requisitos: ser unha comparsa formada por un mínimo de 10 persoas; levar unha carroza (non é preciso que sexa un camión), facer un pouco de “ruído” ou ter unha ambientación temática, de carácter libre.

Ademais, o mesmo martes de entroido, que será xornada festiva no concello, desfilarán os Xenerais de Santa Cristina de Vea. O sábado de Entroido haberá festa infantil e o domingo festa de disfraces na residencia de maiores.

Imaxe de portada: desfile do luns de Entroido de 2025 // Concello da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario