As liñas que conectan A Estrada con Santiago non se inclúen nos servizos mínimos da folga de transporte

As liñas que conectan A Estrada con Santiago non se inclúen nos servizos mínimos da folga de transporte

Si que o está a liña Pontecesures – A Estrada por ser servicio escolar

Os días 12, 13, 16, 19, 20 e 23 de xaneiro o transporte de viaxeiros por estrada na provincia da Coruña vivirá unha nova xornada de folga reclamando melloras laborais para os condutores de autobús e os acompañantes escolares.

Este venres fixéronse públicos os servizos mínimos para as xornadas de paro. Todas as liñas que realicen traxectos entre A Estrada e Santiago de Compostela non están incluídas, tanto nos viaxes de ida como de volta.

Non ocorre o mesmo coa liña Pontecesures – A Estrada Estación de Autobuses, que presta servizo ao CEIP Maniel Villar Paramá e aos institutos da Estrada. Esta liña si que aparece incluída nos servizos mínimos, polo que se debería realizar, tanto de ida como de volta.

Dado que a convocatoria de folga inclúe a posibilidade de que sexa indefinida a partir do 2 de febreiro, tamén se estableceron os servizos mínimos ata o 29 de marzo, que son os mesmos que durante o mes de xaneiro.

Os participantes reclaman que se desbloquee o novo convenio, que leva catro anos paralizado. Esixen que se aborden varias necesidades que consideran cruciais, tales como unha subida salarial digna, a redución da xornada e a ordenación do tempo do sector — medidas que consideran necesarias para “humanizalo” –, a actualización e modernización dos permisos retribuídos e días de asuntos propios, o recoñecemento do transporte discrecional como unha actividade que tamén é un servizo público de primeiro nivel e cuxa responsabilidade non debe recaer unicamente sobre o persoal condutor e da xubilación parcial e a ordenación da xornada para o persoal acompañante.

Imaxe de portada: autobús na estación de autobuses da Estrada // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario