En maio celebrarase a primeira Feira de Emprendemento da Estrada

En maio celebrarase a primeira Feira de Emprendemento da Estrada

Tras case un ano traballando xuntos, o Club de Emprendemento Deza-Tabeirós, implulsado por Acción contra a Fame e o Concello da Estrada, reuniuse este xoves no consistorio estradense para avanzar na planificación da que será a primeira Feira de Emprendemento da Estrada.

Prevista para maio, prevese que se celebre na Praza da Constitución durante dúas xornadas, aínda que as datas e a localización aínda non son definitivas.

A primeira xornada sería un venres. Nela a previsión é abordar o emprendemento dende unha perspectiva multidisciplinar. Unha das propostas sería convidar a centros de ensino e administracións, analizando saídas profesionais da man do emprendemento ou programas que o impulsan, entre outras cuestións.

Asemade, os promotores deste certame tamén teñen en mente a organización de charlas, actividades, xogos e dinámicas que permitan visibilizar os proxectos dos emprendedores locais e que axuden á reflexión sobre o emprendemento como alternativa para adentrarse e medrar no mundo laboral.

A feira tamén estaría aberta á participación de asociacións con participación económica e entidades especializadas no emprendemento, se ben a filosofía que se lle quere imprimir ao evento é que se converta nun escaparate accesible ao conxunto da poboación, no que a iniciativa empresarial e laboral que xorde da man dunha idea de negocio teña o protagonismo que merece.

Dende o club tamén quixeron salientar o apoio que ofrece o Concello da Estrada ao emprendemento fronte a outros concellos, dado que os emprendedores teñen un importante acompañamento institucional, con “apoio directo e indirecto”. Amais, dende o 2011 ofrecen axudas económicas para os novos emprendedores, con axudas medias superiores aos 1.000 euros, chegando a un máximo de 2.000 euros. Estas achegas beneficiaron a máis de 300 proxectos.

Imaxe de portada: reunión do Club de Emprendemento // Concello da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario