Próximamente abrirá o prazo para presentar candidaturas
Actual Comunicación fixo públicas as oito categorías que terá a segunda edición dos Premios Rebumbio, que se celebrarán o 16 de abril no MOME.
A categoría de estradense do ano en redes recoñercerá a aquela persoa, colectivo ou entidade da Estrada que destaque polo seu uso das redes sociais como ferramenta de comunicación, difusión e promoción positiva do concello. Esta contará co engadido de que será o público quen vote pola súa candidatura preferida.
Na de mellor uso do galego en redes valorarase o emprego correcto do idioma galego como lingua de comunicación no espazo dixital. A creatividade, orixinalidade e contribución á dinamización da cultura local serán tidas en conta na categoría de mellor iniciativa cultural.
As persoas, colectivos ou iniciativas que destaquen pola súa creatividade e talento no ámbito do humor terán, un ano máis, o seu oco na categoría de mellor uso do humor como recurso comunicativo. Outro dos premios que repite é do de mellor difusión de negocio local en redes sociais, no que se distingue a empresas, emprendedores e profesionais que destacasen pola súa estratexia de promoción do seu negocio a través das redes sociais.
Os deportes terán o seu oco co premio á mellor comunicación deportiva, no que se recoñece a comunicación levada a cabo no eido deportivo do concello da Estrada para pór en valor a difusión da vida deportiva local. Outro que se estrea é o recoñecemento á mellor proposta educativa desenvolvida no concello da Estrada, tendo que destacar pola súa calidade, innovación e impacto positivo na comunidade.
A todas elas súmaselle o momento Rebumbio do ano, entregado de xeito directo por Actual Comunicación, tal e como fixeran na primeira edición co Premio á Xove Promesa en Comunicación, que recaeu en Rubén Rosende.
Próximamente vaise abrir o prazo para presentar candidaturas ás sete categorías principais, sendo esta outra das novidades da segunda edición deste certame.

Deixar un comentario