Dous feridos en sendos accidentes de tráfico en Guimarei e Callobre

Dous feridos en sendos accidentes de tráfico en Guimarei e Callobre

Arde un coche en Figueiroa

Xornada de accidentes con feridos na Estrada. No mediodía deste venres unha persoa tivo que ser trasladada en helicóptero tras sufrir un accidente en Guimarei, mentres que pasadas as 20.00 horas outra foi evacuada ao CHUS ao sufrir un sinistro en Callobre.

O primeiro produciuse na EP-7016. Segundo informa o 112, un particular alertou de que o ferido tiña dificultades para respirar, polo que se enviou un helicóptero para trasladalo. Ademais do 061, participaron no operativo efectivos de Emerxencias, Policía Local e Garda Civil de Tráfico.

No caso de Callobre, produciuse na N-640. Segundo a información que trascendeu polo momento, puidéronse ver implicados entre dous ou tres vehículos, entre os que se atopa un todoterreo, que quedou envorcado no medio da vía. Foi necesario trasladar, polo menos, a unha persoa ao hospital. Ata o punto achegáronse efectivos de Emerxencias e da Garda Civil.

Asemade, en torno ás 20.30 horas un coche comezou a arder na PO-841, entre a rotonda de Figueiroa e a que dá acceso á gasolineira Repsol. Os propietarios do vehículo sufocaron as lapas coa mangueira dunha vivenda próxima.

Comentarios

Deixar un comentario