Este martes produciranse cambios no estacionamento das rúas San Paio e Pérez Viondi

Este martes produciranse cambios no estacionamento das rúas San Paio e Pérez Viondi

O xefe da Policía Local, Javier García, informou dos cambios que se van producir no estacionamento das rúas San Paio e Pérez Viondi (no tramo comprendido entre a Avenida Benito Vigo e A Farola). Os coches pasarán a ter que estacionar no lado dereito da vía ou, o que é o mesmo, no lado contrario ao que se fai agora. Esta modificación será efectiva dende martes.

O primeiro motivo que esgrime para realizar este cambio é que, así, unha vez completada a humanización da Farola, non será necesario cruzar a rúa para acceder ao espazo peonil, algo que ocorrería mantendo as prazas de estacionamento onde se atopan na actualidade.

Asemade, os contedores do lixo téñense que colocar nese lado da rúa, posto que agora son de carga lateral. Así, o extremo esquerdo xa queda libre. Do mesmo xeito, segundo indican, ampliaríase o número de prazas dispoñibles, posto que hai menos entradas a garaxes.

Zonas especiais

Do mesmo xeito, Javier García precisou que na zona inmediata á Praza de Galicia, a Rúa Pérez Viondi contará cun estacionamento exclusivo para usuarios da Farmacia, outra para persoas con mobilidade reducida e unha zona de carga e descarga, tras a que comezará a zona de estacionamento libre. Como se mantén o dobre sentido, serán na zona na que a rúa conta con maior anchura.

No caso de San Paio, comezando pola Farola, contará cunha zona de carga e descarga e cunha praza para persoas con mobilidade reducida (a orde está por definir). Despois do paso de peóns existente na intersección con Marqués de la Vega de Armijo, colocaranse os contedores. Tras eles, comezará a zona de estacionamento libre, ata as proximidades do cruce coa Rúa Gradín, onde a rúa quedará libre nas dúas marxes para posibilitar os dous carrís.

A previsión é que se pinten as novas zonas este luns, aproveitando as boas condicións meteorolóxicas, para que así entren en vigor o martes.

Imaxe de portada: coches estacionados na marxe esquerda de San Paio // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario