Voceiros políticos participaron nun evento coa mocidade que serviu para darlle voz á xuventude estradense
.Este venres tivo lugar un encontro informal entre políticos e varios rapaces estradenses. Celebrado en Yu Lugar de Encuentro, contou coa participación dos voceiros do PSOE, Luis López Bueno, e do BNG, Xoán Reices, e coa destacable ausencia de representantes do goberno local, pese a que nun primeiro momento se anunciara que estarían para presentar os programas destinados á mocidade cos que conta o Concello.
O evento comezou cun breve discurso de Laura Piso, organizadora e responsable da asociación Imaxina e Axuda. Explicou o funcionamento dos programas Diálogo con la Juventud, do Injuve, e Actuación Xove, que promove dende a súa asociación. Sobre este último programa tamén se pronunciou o director do Xornal da Estrada, Rubén Rosende, quen lembrou que unha parte deste último proxecto é a publicación de artigos de opinión neste medio e animou aos asistentes a participar.

En canto á intervención política, para o que se convidou ás diferentes formacións do concello, Xoán Reices comentou que a política vai máis alá do que sae nos medios e fomentou a existencia dun espírito crítico. Luis López Bueno focalizou o seu discurso en que os dous partidos presentes teñen un “compromiso coa xuventude” e recoñeceu a existencia dun déficit de actividades para os máis novos, ademais da falta dun espazo no que poidan desenvolver correctamente a súa actividade, en referencia ao estado no que se atopa o edificio da Estación.
Para rematar, realizouse unha actividade na que os presentes identificaron problemas da xuventude e buscáronselle posibles solucións e nos que tamén se escoitaron as propostas dos máis novos en canto a outras posibles actividades.
Imaxe de portada: Actividade final // Xornal da Estrada

Deixar un comentario