A Asociación Rapa das Bestas formalizou unha instancia para solicitar que se traslade a escultura dos cabalos que se atopaba na contorna da Farola á parroquia de Sabucedo. Propoñen tres posibles ubicacións e o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, trasladou que valorará esta proposta nos vindeiros días dado que ten que ser recolocada próximamente.
Dende a asociación propoñen que os dous garañóns estean no inicio da vía que dá acceso á aldea e que pasa por diante do teleclub, nas inmediacións do Campo do medio ou nas proximidades do Curro Vello de Sabucedo.
Pola súa banda, Louzao recoñeceu que Sabucedo sería un lugar “máis que oportuno e axeitado” para colocar esta escultura feita polo estradense Manuel Campos Vilaverde. Esta opinión fundaméntaa en que Sabucedo é o lugar que acolle esta festa.
Imaxe de portada: escultura da Rapa das Bestas // Google Street View


Deixa unha resposta