O concelleiro de Deportes, Ismael Pena, presentou, acompañado polos responsables dos diferentes clubs, as diferentes propostas deportivas para o San Paio. En concreto, estivo con Félix Rodríguez (Bikestrada), Óscar Vázquez (Club Tenis RC) Paula Pose e Lisandro mGarcía (A Estrada Basket) e Javier Diéguez (Estrada Futsal) para presentar os 3×3 de fútbol sala e baloncesto, a Festa da Bicicleta, o torneo de dobres e o Aberto de Tenis.
O 3×3 de fútbol sala celebrarase o 26 de xuño. Haberá un máximo de12 equipos por categoría (benxamín, alevín, infantil e cadete). Os equipos poden ser masculinos, femininos ou mixtos. No caso de non chegar ao número necesario de equipos, uniranse aos da categoría inmediatamente superior. A inscrición abre o luns 8 e pecha o martes 23.
Ese mesmo día terá lugar a Festa da Bicicleta. Comezará ás 11.00 horas no Novo Mercado, aínda que os dorsais recolleranse dende unha hora antes. Haberá dous circuitos, un para menores de 14 e outro para maiores de 14. O primeiro ten 800 metros de lonxitude e é de dificultade baixa e, o segundo, é de 5 quilómetros e dificultade media. No circuíto curto os menores de 10 anos teñen que ir acompañados por un adulto e no longo, recoméndase que os menores de idade tamén estean acompañados. A inscrición pódese facer a través da web de Emesports dende o venres 12 ata o martes 23.
O 3×3 de baloncesto celebrarase o sábado 27. As categorías son mini, infantil e cadete (que xogan a partir das 10 horas) e junior e senior (a partir das 16 horas). O prazo de inscrición é dende o venres 12 ata martes 23 de xuño. A competición está limitada a 12 equipos. No caso de haber menos inscritos, a organización sorteará os grupos para que os equipos xoguen o maior número de partidos, podendo alterarse o tempo de duración dos encontros.
O torneo de dobres e o Aberto de Tenis xogaranse entre o luns 22 e o domingo 28. As inscricións poden facerse ata o venres 12, sendo o sorteo o 15 de xuño. O torneo de dobres é para non federados e terá as categorías dobres masculino, feminino, mixto e Sub18 mixto. Namentres, o Aberto de Tenis é para federados e terá categorías absoluta masculino e feminino. Para máis info pódese chamar ao 680866570 (Miguel).


Deixa unha resposta