Publicidade

Permiten que os desaloxados en Padrón por un incendio forestal regresen ás súas casas

Chegouse a habilitar un pavillón para que os evacuados pasaran a noite · O lume tamén afecta o concello de Teo, mais as vivendas non corren risco · Xa arderon arredor de 330 hectáreas

Un incendio forestal orixinado na parroquia de Herbón (Padrón) ás catro da tarde deste venres obrigou á activar a Situación 2 de risco e a evacuar un lugar da parroquia de Carcacía. Os veciños xa puideron regresar ás súas casas. Ata ás 21.20 horas deste sábado calcinou preto de 330 hectáreas. Foi necesario pechar ao tráfico dúas estradas e o lume alcanzou o concello de Teo.

O lume calcinara un cento de hectáreas durante a xornada do venres e evolucionaba favorablemente cara a súa estabilización, mais pasado o mediodía o lume reactivouse. Na tarde deste sábado as lapas achegáronse aos núcleos de Cruxeiras de Abaixo e Sobrerribas, ambos na parroquia de Carcacía, polo que se decidiu decretar a Situación 2.

Do mesmo xeito, o Concello de Padrón informou de que se evacuou o núcleo de Cruxeiras de Abaixo para garantir a seguridade da veciñanza. Tamèn pediron que non se acceda con vehículos á zona de Cruxeiras nin ás vías próximas ao lume porque estase a complicar a situación, “especialmente nas áreas de Sobrerribas e Casal”.

Non foi ata pasadas as 23.00 hoas cando os veciños das 10 casas evacuadas puideron regresar ás súas casas, algo que antes non se lles permitira pola intensidade do fume. De feito, chegouse a habilitar un pavillón polideportivo municipal para atender ás persoas que precisaran pasar alí a noite. Por outra banda, logrouse restablecer o servizo eléctrico na parroquia de Herbón e séguese traballando para restablecer outros servizos, segundo informou o Concello de Padrón.

O alcalde de Padrón, Anxo Rei Arca, asegurou a Europa Press que o lume xa afecta ao veciño concello de Teo e avanza cara o lugar de Vilar do Bispo (Lampai). Aínda así, a zona de máis perigo actualmente atópase en territorio padronés. “O máximo risco está en Cruxeiras de Abaixo. Alí está o persoal traballando para que as vivendas non se vexan afectadas, pero está preto”, detallou.

Segundo informou o Concello de Teo, as vivendas da parroquia de Lampai, que é a que se está vendo afectada, non corren perigo. A alcaldesa do concello, Lucía Calvo, trasladouse durante a tarde ata a zona para coñecer a situación de primeira man.

O incendio tamén está afectando ao tráfico. Este sábado foi preciso pechar as estradas de Carcacía a Padrón e de Vilar do Bispo a Lampai.

O Punto de Mando Avanzado (PMA) e o Punto de Recepción de Medios (PMR) establecéronse no Hotel Scala. Dende alí coordínase un amplo dispositivo que traballa na extinción das lapas. De xeito acumulado, informa a Xunta de Galicia, mobilizáronse 4 técnicos, 36 axentes, 47 brigadas, 33 motobombas, 3 pas, 7 unidades técnicas de apoio, 8 helicópteros e 7 avións.

Entre os medios atópase a motobomba de Emerxencias A Estrada, que foi mobilizada na tarde deste sábado.

Gran columna de fume

Tanto na tarde do venres coma na deste sábado unha gran columna de fume procedente dese incendio estase deixando ver dende múltiples puntos da xeografía galega. Na Estrada, é visible case dende calquera punto do municipio.

Imaxe de portada: columna de fume do incendio de Herbón vista dende Aguións (A Estrada) // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo