O acceso da poboación en xeral foi menor ca o de 2025, cando a entrada foi gratuíta polas obras no vaso grande
Os accesos á piscina municipal en horario de acceso ao público caeron un 27,9% respecto a 2025. Foi nun verán na que xa non foi gratuíta pero na que o acceso ao vaso grande estivo permitido durante case toda a tempada de baño. O período de apertura foi maior.
O período de apertura xeral foi do 23 de xuño ao 6 de setembro, en horario de tarde. Pechou todos os luns por mantemento, ao que lle hai que sumar que os días 6 e 7 de xullo, nos que se pechou o vaso grande pola rotura dunha conducción.
En total vendéronse 4.675 entradas. 384 correspóndense ao período comprendido entre o 23 de xuño e o 3 de xullo, 2403 ao resto de xullo, 1522 ao mes de agosto e 366 aos seis primeiros días de setembro. Destaca o descenso de máis do 66% no mes de agosto, posto que en 2025 foran 4.589 entradas. O dato é incluso máis baixo ca os de agosto de 2024, cando foran 2642 entradas. Sen embargo, no mes de xullo duplicáronse as entradas de 2025 — cando estivera pechado o vaso grande por obras — e en setembro incrementáronse nun 68,7%.
O día de maior afluencia foi o martes 28 de xullo, cando accederon 265 persoas en horario de acceso do público xeral. Ségueno o 2 de xullo (239 entradas) e 5 de xullo (236 entradas). En xuño destaca o día de apertura, con 158 entradas vendidas. En agosto sobresae o martes 18 de agosto, con 224 usuarios de tarde, mentres que en setembro foi o día 3, con 127.

A iso habería que sumarlle os participantes no Campus Deportivo de Verán que cada día fixeron uso da instalación. Dende o Concello da Estrada indican que foron uns 300 usuarios diarios en xullo e outros 150 en agosto. En total, apuntan, serían unhas 8.400 entradas que se poderían sumar ás 4.600 dos estradenses en xeral.
A tempada de baño tamén incluíu á praia fluvial do río Liñares. Non hai datos de afluencia porque alí a entrada é libre.
Imaxe de portada: piscina municipal no día da súa apertura // Concello da Estrada


Deixa unha resposta