A Asociación Codeseda Viva foi recoñecida con este galardón
Hai datas que a tradición ten marcadas en vermello e hai tradicións que comezan a xurdir aparelladas a elas. Arca celebrou este domingo o Samaín e entregou o II Premio Raíces do Rural, que desta recibiuno Codeseda Viva.
A festa comezou ás 11.00 horas cunha sesión vermú. O posterior xantar congregou a 102 persoas, que puideron degustar o menú preparado polos veciños. Na sobremesa os presentes desfrutaron dun monólogo de Pablo Chichas e levar un xamón ao saír o seu número no sorteo.
Antes de comezar coa entrega do Premio Raíces do Rural, fíxose entrega dun recoñecemento ao membro máis veterano da Asociación de Veciños de Arca, Manuel Antonio Rodríguez. Ten 98 anos, aínda que o vindeiro venres fará os 99. Manuel Antonio quedou sorprendido, pois non se agardaba este recoñecemento.
Acto seguido fíxose entrega do galardón principal. Antes de anunciar o nome da asociación premiada, Pablo Chicas lembrou que a recoñecida traballan para recuperar a historia, coidar o patrimonio e conseguir que os lugares sigan tendo vida. Tras iso, desvelou o nome dos agraciados: a Asociación Codeseda Viva.
Sería Luis Ferro quen recollería o recoñecemento e quen diría que “gañar un premio como é o Raíces do Rural é unha honra. Pero para nós é moito máis, pois é un motivo para seguir traballando nos camiños Xacobeos”. Lembrou que Codeseda é zona de paso dos camiños da Geira e dos Arrieiros e do Taverneiro.
“Este premio vainos unir moito máis. Xa estabamos unidos pero vainos unir moito máis”, asegurou. Recoñeceu que dende a súa asociación “admiramos profundamente o labor que realiza a Asociación de Veciños de Arca no desenrolo e benestar da súa parroquia”. Ao remate do seu discurso recibiu unha reseñable ovación.
A concelleira de Cultura, Lucía Seoane, quen foi a encargada de entregar o Premio Raíces do Rural, sinalou que a asociación de Arca está facendo “un labor incomiable xuntándovos aquí tardes coma hoxe”. Dende a organización, sinalaron que peregrinos de 52 países percorreron os camiños da Geira e dos Arrieiros e o Taverneiro.
Tras iso chegaron as castañas asadas e, ás 19.00 horas, unha procesión polo monte próximo á escola de Arca, onde se celebraba este Samaín. Unha cruz lumínica, acompañada de varias candeas, o son dunha campá e diferentes sons de monstros abriron a comitiva, que foi ás escuras, aínda que algunha vez a luz amagara con volver antes de tempo.












Deixa unha resposta