O PSOE da Estrada valorou os orzamentos presentados polo Concello da Estrada para este 2026, que aínda están pendentes de aprobar en pleno, segundo informou Alberto Blanco, por un cambio de interventora.
O voceiro dos socialistas, Luis López Bueno, asegurou que se presentaron “uns orzamentos para a foto” que esconden unha realidade “pouco alentadora para os veciños e veciñas da Estrada”. “Estes orzamentos continuarán coa caída demográfica, non propoñen nada para resolver a crise de vivenda que padece A Estrada e non resolven ningún dos problemas dos servizos municipais”, engadiu o socialista.
Explicou que dende o seu grupo propuxeron incluír un orzamento de 275.000 euros para recuperar 15 vivendas baleiras e poñelas en arrendamento. Con esta partida e co cofinanciamento do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), mobilizaríanse 987.000 euros para esta actuación, segundo explicou López Bueno. Esta proposta non se incluíu nos orzamentos.
Considerou “de chiste” que na memoria da alcaldía se afirme que o goberno mantén o gasto corrente. “Din que conteñen o gasto corrente pero en cambio pagamos 60.000 euros de Xefa de Prensa, máis de 12.000 euros ao ano en fotos do alcalde e outros 10.000 en comprar noticias sobre o seu aniversario como alcalde. Se pretendía ser unha broma, a min paréceme unha de moi mal gusto”, asegurou.
“Os únicos recortes de gasto corrente aféctanlle, por exemplo, á Protección Civil, á Policía Local e ás peticións que fan os veciños e veciñas que aínda continúan sen resolver”
Luis López Bueno, voceiro do PSOE da Estrada
Puxo en dúbida que o goberno municipal aposte polos Servizos Sociais cando teñen “paralizado o contrato do SAF dende decembro de 2024” e, “para vergoña deste goberno, no 2026 non vai haber nin unha hora máis para o SAF”.
Asemade, tamén dubidou de que saia adiante a licitación do servizo de recollida de lixo, “que xa anunciaran para antes de acabar 2025”. Destacou que a previsión de recadación neste apartado increméntase 50.000 euros e augurou que “seguiremos con contenedores cheos e lonxe das casas, tanto na vila como nas parroquias”.
Do mesmo xeito, López Bueno considera que se están “facendo trampas a si mesmos” ao contar o anexo de investimentos con case 800.000 euros de débeda nova, algo que cre que é “pouco prudente” porque “durante o 2026 xa se van asumir créditos novos por 4 millóns de euros para executar os fondos europeos, e que non aparecen contemplados nesta proposta de orzamentos”.
En canto a impostos, asegurou que se consolidou a suba do IBI nun 25% pese a ser “temporal”. Ademais, avanzou que votarán en contra deles por non recoller ningunha proposta e non contar, segundo indica, co apoio do tecido económico e asociativo da Estrada, que exemplificou coa “escasísima” asistencia á Mesa polo Comercio e ao Consello Económico e Social.
Imaxe de portada: vivendas na Estrada // Xornal da Estrada

Deixar un comentario