Veciños de Filloi reclaman que se paralice a instalación dunha torre de telecomunicacións preto das casas

Veciños de Filloi reclaman que se paralice a instalación dunha torre de telecomunicacións preto das casas

Veciños e veciñas de Filloi, en Forcarei, solicitaron a paralización cautelar das obras de instalación dunha torre de telecomunicacións de 40 metros de alto que se situaría preto das vivendas e que conta coa negativa dos veciños. Promovida por On Tower Infraestructures, dará servizo a Orange, quedando aberta a súa utilización futura por outras operadoras.

Os veciños xa se terían dirixido formalmente á empresa promotora para que desistise voluntariamente da localización elixida:

“Solicitámoslles que sexan sensibles ao sentir unánime do vecindario e que desistan voluntariamente da instalación da antena na ubicación actualmente plantexada, evitando así un conflito social, administrativo e xudicial que entendemos innecesario e perfectamente evitable”

Veciños de Filloi a On Tower Infraestructures

Segundo os veciños, a resposta da empresa foi manter a súa intención de levar a cabo a instalación, sen atender ás demandas veciñais ou valorar outras alternativas de ubicación.

Pintadas na zona na que se vai instalar a torre // cedida

Esta solicitude prodúcese unha vez se constatou que van comezar as obras de xeito inmediato. Segundo informan os veciños, o venres colocáronse as piquetas de sinalización na finca e na tarde do sábado desprazouse maquinaria pesada para, segundo os operarios, comezar este mesmo luns.

“Non estamos en contra das telecomunicacións nin da mellora da cobertura”, explican desde Filloi, “pero nun entorno rural como o noso existen emprazamentos alternativos de sobra, a moito máis afastados das casas, que permitirían prestar o mesmo servizo sen xerar este conflito”.

Traballos de sinalización // cedida

Cuestionaron tamén a resposta da promotora, na que se menciona o respecto polo entorno. “O entorno non é só o terreo ou a paisaxe, o entorno somos as persoas que vivimos aquí todo o ano, e iso é o que non se está a respectar”, denuncian.

Coa solicitude presentada ante o Concello de Forcarei agardan que se tomen medidas de cautela que impidan que avancen as obras e que se revise con rigor a actuación. Dende a Asociación Alarma na Terra de Montes ofreceron o apoio á veciñanza de Filloi e anunciaron que prestarán apoio social, técnico e administrativo.

Imaxe de portada: carteis contra a torre // cedida

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo