Este martes A Estrada celebrou un Pleno extraordinario para aprobar a modificación do crédito de 200.000 euros inicialmente previsto para o desenvolvemento da Avenida de América. “Posto que está en fase de redacción o proxecto, son cartos que non se poden empregar este ano, tomouse a decisión de modificar o seu uso”, explicou o concelleiro de Facenda, Alberto Blanco. O cambio fíxose só cos votos a favor do PP. Toda a oposición votou en contra.
Os novos usos serán a sinalización urbana (26.261,26 euros); pavimentación de vías rurais (32.910,68); humanización da Praza de Galicia (31.079,30); reparación das piscinas municipais (50.297,58) e a cubrir a parte que corresponde ao Concello no proxecto de reforma e recuperación da área recreativa da praia fluvial de Liñares (71.383,49).
O voceiro do PSOE, Luis López Bueno, advertiu de que “fan o cambio cun informe negativo de Intervención”. Acusou ao Goberno local de “non estar á altura” e “incompetencia”. “Non están sendo capaces de aproveitar a situación do mercado da vivenda de Santiago”, asegurou.
En representación do BNG, Sindo Vilamaior, afirmou que “teño unha cousa moi segura: se hoxe o PP estivese na oposición faría unha dura crítica contra este cambio orzamentario, e con razón”. Defendeu o papel que fan como oposición ao votar en contra desta modificación. Pola súa banda, a voceira de Móvete, Mar Blanco, asegurou non entender o motivo polo que aínda non se executaron os 200.000 euros.
Na quenda de réplicas, Alberto Blanco desexou que a redacción do desenvolvemento “fose máis rápida”. ” Este desenvolvemnto é moi importante para o goberno para cuadricular esta vila que é alongada”, engadiu. Comentou que “hai advertencias de posibilidade de inestabilidade orzamentaria” pero que, pese a telas habido varios anos, “só a houbo un ano, que foi en 2025 e foi polo tema da RPT”.
O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, ofreceu unha “reflexión” antes da votación dos puntos. Asegurou que non estaba nos seus plans “deixar 200.000 euros nun caixón a espensas de que se faga un desenvolvemento”. Lembrou que parte dos cartos destinaranse á reforma da praia fluvial, “unha obra que nos saíu moi ben de prezo” ao ter que aportar 70.000 euros dos 1,5 millóns que custará. Engadiu que nos vindeiros orzamentos terán que engadir unha partida aos desenvolvementos, aínda que serán os propietarios os que o paguen.
Imaxe de portada: pleno extraordinario deste martes // Xornal da Estrada


Deixa unha resposta