
A Xunta Electoral de Zona da Estrada publicou este martes os puntos nos que se poderán facer actos de campaña na Estrada para as xerais do vindeiro 29 de novembro. Tamén establece os puntos nos que se colocarán os carteis electorais.
Os mitins poderanse facer nos pavillóns dos colexios Pérez Viondi, do Souto de Vea, de Oca, do Foxo e Codeseda. Os horarios establecidos son de luns a venres entre as 19.00 e as 23.00 horas e sábados, domingos e festivos de 9.00 a 23.00 horas.
No caso do local contiguo das escolas de Ribeira, Santeles, Santo André de Vea e Vinseiro, das escolas de Santa Cristina de Vea, Guimarei, Montillón, Arnois, San Miguel de Castro, A Somoza, Nigoi, San Xiao de Vea, Callobre, Parada, Ribela, Moreira, San Miguel de Barcala, San Xurxo de Vea, Cora, Matalobos, Toedo, Aguións, Arca, Codeseda, Curantes, Oca e Riobó e dos locais sociais de Pardemarín e Berres poderanse facer todos os días dende as 9.00 ata ás 23.00 horas.
O Teatro Principal e o MOME teñen o mesmo horario ca os anteriores, mais quedan condicionados a eventos xa programados. Por iso, os días 14, 20, 21, 26 e 27 de novembro non se poderá empregar o teatro e o 14 e o 26 o MOME.
En canto á propaganda electoral, instalaranse 21 taboleiros nos exteriores da Casa das Letras. Habilitaranse 92 farois na Avenida Benito Vigo, 34 na Avenida de Pontevedra, 34 na Avenida de Santiago e 35 entre A Farola e a rotonda de Figueiroa.
Imaxe de portada: pegada de carteis para as autonómicas de 2024 // PP / PSOE / BNG


Deixa unha resposta