Dende que se soubp que se ía construír unha gasolineira na Baiuca, a actualidade local xirou en torno a ela. Nas seguintes liñas repasamos o proxecto e as diferentes reaccións.
A gasolineira
Promóvea Urban Strada SL. Situarase na Avenida da Torre. A súa superficie será superior aos 500 metros cadrados, aínda que o proxecto abrangue outras parcelas, chegando ata a Avenida Benito Vigo e inclúe o edificio no que se atopa, entre outros establecementos, a cafetería Baiuca, tamén promovido por Urban Strada SL.
Tres vivendas estarán a menos de 30 metros da estación de servizo; a escola infantil, a 32,06 metros; o xulgado a 32 metros e o centro de saúde, a 110 metros.

Segundo o PXOM non se podería construír alí unha gasolineira, mais o Real Decreto-lei 6/2000 autorizou a instalación de surtidores en zonas comerciais, parques comerciais e zonas industriais. Nesta normativa estatal e nas posteriores sentenzas que a avalaron escúdase a promotora para xustificar a súa legalidade.
O prazo de alegación remata este xoves 22. Pódense presentar en calquera rexistro e teñen que ir dirixidas á consellería de Medio Ambiente, que é quen pode outorgar ou denegar a Declaración de Impacto Ambiental.
Papel do Concello
Unha vez publicada a primeira noticia ao respecto, numerosos veciños achegáronse ata o Concello a manifestar a súa inquedanza. Por iso, trasladouse o expediente aos técnicos municipais para que avalíen posibles alegacións. O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, asegurou que “comprendemos perfectamente a preocupación veciñal, especialmente pola proximidade de equipamentos tan sensibles como a Escola Infantil”. Animou aos veciños a alegar.
Dende o Concello sinalaron que a súa función será a de ser o máis esixentes posible no control técnico para garantir que calquera actuación respecte de xeito escrupuloso a normativa vixente e o benestar na contorna. Por iso, segundo avanzou Louzao, o borrador de alegación no que estarían a traballar argumenta pola vía do PXOM e pola da proximidade á escola infantil.
O PSOE e o encaixe legal para alegar
Dende o PSOE, o seu voceiro, Luis López Bueno, comentou que foi difícil atopar unha vía pola que alegar, pois moitos supostos cumprirían a normativa. Tras descartar o incumprimento do PXOM polas diferentes sentenzas que avalaron a construción doutras gasolineiras, a opción do heliporto, os gases de benceno e a posible conxestión do tráfico, optaron pola opción da escola infantil.
Baseouse no Decreto 329/2005 que prohíbe actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas preto das escolas infantís. “Unha gasolineira nova non pode atentar contra as condicións fixadas para a Escola Infantil por unha Lei Galega”, sinalou. Advertiu que “esta fundamentación xurídica non é unha garantía, pero corresponderalle á avaliación ambiental da Xunta de Galicia dicir se unha Escola Infantil situada a 30 metros dunha gasolineira está cerca ou está lonxe”, pois non se establece unha distancia mínima.
O BNG convoca unha concentración
O BNG foi o partido que máis se manifestou ao respecto. Rexeitou a ubicación elixida por estar prohibida no PXOM e pola proximidade a vivendas e á escola infantil. Alertaron do risco para a saúde dos menores, pois segundo un estudo médico, estar a menos de 50 metros dunha gasolineira de forma continuada incrementa o risco de padecer leucemia nos menores de cinco anos. Ademais, alertan dun maior risco de que se produzan incendios e explosións e de que podería interferir no descanso dos veciños da zona.
Puxeron a disposición da cidadanía unha alegación, que se pode descargar dende a web do partido a nivel local. Amais, convocaron unha concentración para este mércores ás 20.00 horas diante da Tesourería da Seguridade Social.

Oposición de pais e nais
A ANPA da Galiña Azul anunciaron que presentarán unha alegación. Piden que se avalíe a posible exposición dos seus fillos aos gases de benceno, que son tóxicos, “tendo en conta a distancia á escola, a localización dos puntos de emisión e as condicións de dispersión dos vapores”. Engaden que se revisen os riscos que pode conlevar que sexa autoservizo.
Aseguraron que lles “doe” que sexa unha empresa local a que proxecte a gasolineira nesa zona e pediron colaboración cidadá. Puxeron a disposición dos interesados un modelo de alegación e avanzaron que tentarán ter o apoio do Consorcio Galego e da consellería de Educación.
Imaxe de portada: zona na que se vai construír a gasolineira // Xornal da Estrada


Deixa unha resposta