Publicidade

Valentín García: “Comunicar en galego ofrece posibilidades, confianza e identidade, factores difíciles de atopar nas linguas maioritarias”

Entre o 14 e o 19 de outubro a Asociación de Medios en Galego (AMEGA) celebrou as xornadas ‘Os medios galegos do futuro comezan nas aulas’ nas tres universidadesde galegas. O ciclo contou co patrocinio da Secretaría Xeral de Medios. Falamos con Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua, quen fai balance destas xornadas e explica porque é importante achegarlle ao estudantado os retos dos medios en galego.

Pregunta: Como encaixan estas xornadas no traballo que se está a facer para reforzar o uso do galego no ámbito da comunicación?

Resposta: A divulgación permite achegar coñecemento fundamentalmente a persoas que están en período de formación e que moi pronto serán profesionais da comunicación. Primeiro, sobre os medios galegos que existen, porque unha das cousas que sorprende é o seu número; e, despois, sobre as posibilidades, fortalezas e tamén debilidades que presenta todo o sistema comunicativo galego. Todo isto está marcado polo ámbito da comunicación tal e como aparece no Plan Xeral de Normalización Lingüística. Trátase de incidir no sector o antes posible, desde o propio momento da formación, e de conseguir que o galego estea presente entre as persoas que estudan nas facultades de Ciencias da Comunicación

P: Que papel ten o estudantado na renovación dos medios de comunicación e da propia lingua galega?

R: Moitísimo, porque é o futuro da nosa lingua. O estudantado está nunha idade na que se conforman en boa medida a personalidade e a forma de vida para a idade adulta. Desde o punto de vista sociolingüístico, as idades entre os 15 e os 25 anos son moi interesantes porque é cando unha persoa se vai decantando pola lingua que lle gusta usar ou na que se instala no ámbito persoal. No profesional dependerá despois doutros factores, como o medio ou o ámbito no que traballe. Pero a súa actitude será moito máis positiva se esta realidade xa está presente mentres se forma na facultade.

P: E, á inversa, que papel poden ter os medios e os novos formatos dixitais na normalización da lingua e na creación de novos públicos?

R: Vivimos nunha sociedade na que a información flúe cada vez en maior cantidade e con máis rapidez, a través de formatos que hai anos nin sequera podiamos imaxinar. A vantaxe para o galego é clara: pode xogar en igualdade de condicións coas grandes linguas do mundo en canto ás posibilidades que ofrecen estes formatos. Outra cousa é a realidade dunha lingua minoritaria, que non alcanza o mesmo volume de información que xeran outras linguas. Ademais, vivimos nunha sociedade cada vez máis global. Antes, no noso caso, accediamos á información fundamentalmente en galego e castelán; agora hai moitas máis linguas actuando no noso hábitat informativo. Todo isto hai que analizalo desde as súas fortalezas e tamén desde as súas debilidades.

P: Como definiría o estado de saúde actual da comunicación en galego?

R: Creo que estamos nun momento histórico. Nunca houbo tantos medios de comunicación en galego. Falabamos estes días dun reconto duns cincuenta socios de AMEGA e arredor de cen medios máis que están emitindo, escribindo ou traballando en galego todos os días. É unha cifra importante para un país de 2,7 millóns de habitantes. O problema é que faltaría comparalos cos medios que non están en galego, e aí a diferenza seguramente sería enorme. Ao final, o asunto é tamén unha cuestión de opción por parte das persoas que lemos, nos informamos ou falamos. A lingua é unha opción que, como outras decisións da vida, está condicionada polas circunstancias que nos rodean. Por iso este momento da formación é clave: é cando se conxugan moitos deses valores e circunstancias antes de tomar determinadas opcións. Esa elección será sempre persoal, lexítima e autónoma, pero é importante que a xente vexa que existe a posibilidade de facer comunicación tamén en galego dentro dun sistema informativo que está cambiando a pasos axigantados.

P: Cal é hoxe o principal reto ao que se enfronta a lingua galega?

R: Colocarse nesas grandes canles de comunicación e ocupar ese espazo. É, sobre todo, un reto de conseguir usuarios. Hoxe pódese calcular practicamente todo: o número de usuarios, os likes, as descargas, cantas persoas abren unha noticia ou canto tempo dedican a lela. Todo isto ten unha lectura comercial. Aquilo que resulta útil ou rendible para as empresas de comunicación, públicas ou privadas, tende a medrar. Pola contra, aquilo que non se usa, non se ve, non se le ou non se escoita corre o risco de quedar reducido ao ámbito administrativo, académico ou docente, sen unha plasmación real na sociedade. Por iso creo que o gran reto segue sendo gañar usuarios desde a convicción e explicar a importancia de optar polos medios en galego. Eses medios medrarán na medida en que quen os edita, elabora ou produce vexa que teñen lectores, usuarios ou espectadores e que a información chega ao seu destino final.

P: Que lle gustaría que saíse destas xornadas, tanto para o estudantado como para o futuro da comunicación en galego?

R: Que saíse o xermolo de profesionais en galego ou, cando menos, de profesionais que teñan sempre o galego como unha opción. Que, cando traballen con empresas de comunicación, publicidade ou marketing, vexan o galego como unha posibilidade real. O que me gustaría é que vexan o galego como unha posibilidade de traballo e de incorporación ao mercado laboral. Evidentemente ten algunhas limitacións, pero tamén ofrece posibilidades, confianza e identidade, factores que son moi difíciles de atopar nas linguas maioritarias.

O ciclo ‘Os medios galegos do futuro comezan nas aulas’ conta co patrocinio da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e coa colaboración da Deputación da Coruña, do Consello da Cultura Galega, da Real Academia Galega, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e das tres universidades galegas

Imaxe de portada: Valentín García participando no ciclo ‘Os medios galegos do futuro comezan nas aulas’ // AMEGA

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo