Publicidade

A Estrada e Rianxo, oficialmente irmáns

Os alcaldes Gonzalo Louzao e Julián Bustelo asinaron o acordo dun irmanamento baseado na relación de Virxinia Pereira e Castelao

Corría o 19 de outubro de 1884. Na Estrada nacía unha muller chamada Virxinia Pereira Renda. Naquel momento non o sabía, pero remataría sendo a compañeira de vida dun home moi importante.

Corría o 19 de outubro de 1912. Esa mesma muller casaba na igrexa da Estrada cun tal Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Naquel momento non o sabía, pero anos máis tarde remataría enfrontándose a unha ditadura para evitar que se perdese a obra dese home.

Corría o 19 de outubro de 2026. Esa mesma muller e ese mesmo home serían o motivo polo que dous concellos chamados A Estrada e Rianxo comezarían a chamarse “meu irmán”. Faríano nunha praza chamada ‘de Galicia’, aquela á que tanto defenderon estas dúas persoas, a carón da escultura que os representa co seu fillo.

Sería nun acto que abriría o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, quen lembraría aqueles outros 19 de outubro dicindo que “non creo que poida haber unha data máis acaída nin unha razón máis fermosa para o irmanamento”. “Reivindicar a Virxinia é comprender a Castelao”, sinalaría. Agardaría que A Estrada e Rianxo avanzasen “á par”, como os ‘culpables’ do irmanamento.

Agardaría que os centros educativos dos dous concellos se coñecesen e que veciños de dous territorios unidos polo Ulla compartan exposicións e roteiros. “Unidos pola memoria de Virxinia e Castelao camiñemos xuntos coma dous irmáns”, concluiría Louzao.

Seguiríao o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, quen diría que “é unha honra participar neste acto de irmanamento” e que o facía cun “sentimento de emoción, orgullo e responsabilidade”. “Rianxo e A Estrada están unidos por unha historia que trascende os límites administrativos”, comentaba en referencia a Castelao e Virxinia.

Repasaría o papel de Castelao. Aseguraría que “a súa obra segue viva porque trata temas que seguen de actualidade”. Recoñecería a importancia de Virxinia na vida de Castelao máis alá da vida persoal. “Foi unha muller comprometida cunha causa política”, diría.

“Rianxo e A Estrada teñen moito que ofrecer e moito que aprender a unha da outra. Temos paisaxes distintas, realidades propias e tradicións que merecen ser coñecidas e preservadas”, engadiría Bustelo. Agardaría que o irmanamento “produza froitos verdadeiros” á vez que tendería a súa “man amiga e vontade de colaboración”. Concluiría o seu discurso cun “longa vida á irmandade entre A Estrada e Rianxo!”.

Co himno galego de fondo Louzao e Bustelo asinarían o acordo de irmanamento e intercambiarían os bastóns de mando. Para pechar, faríase unha ofrenda floral na escultura de Virxinia Pereira e Castelao.

Sería o último 19 de outubro do que este artigo podería falar, pois os seguintes aínda están por escribir.

Imaxe de portada: Louzao e Bustelo na sinatura do irmanamento. Detrás, Virxinia Pereira e Castelao // Concello da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo