Publicidade

Pais e nais mobilízanse contra a gasolineira da Baiuca

Alertan do risco de que seus fillos inhalen gases tóxicos procedentes da actividade da gasolineira

A Asociación de Nais e Pais da Escola Infantil A Galiña Azul da Estrada alegará contra a gasolineira que Urban Strada SL proxecta na contorna da Baiuca. Fano porque estará a escasos 32 metros da escola infantil, á que acoden uns 56 rapaces e rapazas. Para iso elaboraron un modelo de 14 páxinas que poderá solicitar calquera persoa.

Sinalan que a normativa autonómica establece que as escolas infantís estean afastadas de instalacións deste tipo. Cuestionan que se vaia instalar “posteriormente a tan só 32 metros dunha escola que xa está en funcionamento”. “Non pode ser que se esixa protexer os nenos e nenas cando se constrúe unha escola e que esa protección deixe de importar cando é unha gasolineira a que pretende instalarse ao seu carón”, aseguran.

Sinalan que o proxecto recoñece a posible emisión de gases tóxicos como o benceno mentres se cargan os depósitos e repostan os vehículos. Por iso, piden que se avalíe “específicamente” a posible exposición dos menores a estes gases “tendo en conta a distancia á escola, a localización dos puntos de emisión e as condicións de dispersión dos vapores”.

Engaden que é necesario avaliar os riscos que pode conlevar que sexa autoservizo. “Precisamos unha avaliación específica, rigorosa e verificable que teña en conta a presenza diaria de decenas de nenos e nenas nunha etapa especialmente sensible do seu desenvolvemento”, afirman.

Piden que se teña en conta a prohibición de construír unha gasolineira nesa zona que establece o PXOM. Poñen en dúbida a vinculación comercial da gasolineira á edificación na que se atopan o Baiuca e unha perruquería, requisito necesario para poder ampararse nun Real Decreto-lei do ano 2000. Sinalan que, pese a que o proxecto identíficase coa Avenida Benito Vigo, toda a actividade e tránsito de vehículos farase pola Avenida da Torre. “Preguntámonos se existe unha verdadeira conexión funcional coa actividade comercial ou se se está utilizando esa vinculación para xustificar unha instalación que, na práctica, funcionaría de maneira independente”, din.

Dende a ANPA aseguran que a descrición da contorna non se axusta á realidade. Comentan que no proxecto cualifican a zona como industrial e aseguran que “pasará desapercibida polo estilo arquitectónico predominante”. “Abonda con coñecer a zona para comprobar que esa descrición non se corresponde coa realidade”, afirman.

Engaden que lles “doe” que sexa unha empresa local a que queira construír a gasolineira a carón da escola infantil. Comentan que non están en contra da actividade empresarial, pero que agardaban “unha maior empatía por parte dunha empresa que forma parte da nosa propia comunidade”.

Colaboración cidadá

Dende a ANPA da Galiña Azul fan unha chamamento á cidadanía “para que nos apoie e se poña no noso lugar”. Piden aos veciños “que se pregunten que sentirían se unha gasolineira se pretendese instalar a apenas 30 metros de calquera dos outros centros educativos do noso concello, onde acoden os seus fillos e netos”.

Poñen a disposición o correo anpagalinaazulaestrada@gmail.com para que calquera poida solicitar o modelo de alegacións que prepararon. Amais, solicitarán apoio ás institucións como o Consorcio Galego e a consellería de Educación. Salientan que contan co apoio de todos os partidos que forman parte da corporación municipal.

Imaxe de portada: pais e nais na escola infantil. Ao fondo, os terreos nos que se fará a gasolineira // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo