O estradense EleDeLewis lanza a súa carreira en solitario e actuará no San Paio
O estradense EleDeLewis comezou hai menos dun ano a súa carreira en solitario como cantante, tras ser parte do dúo Alfa & Lewis. Xa publicou 14 cancións e ten máis dunha decena delas pendentes de sacar. O seu forte é a música comercial, na que se inclúen o reguetón e o trap. Os seus temas pódense escoitar en todas as plataformas, contando con videoclips en YouTube e de compartilas polas súas redes sociais.
De nai de Nigoi e de pai forcariciense, comezou hai seis anos no mundo da música. “Na cuarentena comecei a subir vídeos cantando a Instagram, cousa que veu meu primo polas redes”, lembra sobre os seus inicios. “Propúxome facer un dúo e comezar a sacar cancións xuntos”. Esa unión levounos a ter éxito na Estrada e na súa contorna baixo a marca Alfa & Lewis, aínda que “esa relación, cos anos, foise desgastando” a nivel musical, non familiar, “e decidimos separar os nosos camiños”, comenta.
“Eu tiña ganas de seguir coa música, de mostrar á xente o que son capaz de facer. Sempre tiven o apoio da miña familia, dixéronme que non o deixara e que seguira para adiante e a verdade é que o apoio dunha familia dá moita forza”, continúa sobre o inicio da súa carreira en solitario.
“A miña familia díxome que non o deixara e que seguira para adiante”
Ese salto permitiulle “atopar un estilo propio, a facer música que a min me gustara de verdade”. Unha música que “engloba sentimentos cara mulleres, situacións que me pasaron na vida”. De feito, subliña que “nunca me vin tan reflexado na música como ata agora”. “As primeiras cinco cancións foron sesións cun psicólogo, que representaba que eu estaba tocando fondo, que tiña problemas coa bebida e que estaba moi rallado por unha muller”, algo que dou orixe ao seu lema Música con terapia. “Non quería só que a música me chegase a min, senón que chegase á xente e que non fose só terapia para min”, recoñece.
“Este ano non puido arrancar mellor”, sintetiza en canto ao presente e futuro da súa música. “Hai unhas semanas tiven o meu primeiro concerto en seis anos na música na Laracha (A Coruña) que, por certo, á xente gustoulle moito. Temos próximas datas neste ano como, por exemplo, nas festas da Estrada“, onde di ter “unha data acordada”, algo que revelou nesta entrevista. Nun futuro máis lonxano gustaríalle “plantarme na industria musical de España e, por que non soñar, na internacional”. Preguntado por que premio lle gustaría, “todo artista soña co Grammy. Agora, un premio a curta distancia, os premios que dan de Los 40, cousas máis visibles a curto prazo”. Recoñece non “comerse a cabeza” cos premios.
“Eu creo que, coa música, o máis importante é chegar á xente”
EleDeLewis
Centrándose na experiencia do seu primeiro concerto, recorda o “nerviosismo” inicial. “A cabeza sempre che xoga malas pasadas nesas situacións, dicindo que se falla algo do son, que se á xente non lle está chegando as cancións como eu quero… Pero foi subirme ao escenario, cantar unha ou dúas cancións e xa todo saíu rodado”, rememora.
“Nese concerto decateime de que quero vivir disto e non pararei ata conseguilo, a verdade”
EleDeLewis
Nos seus videoclips podemos atoparnos con diferentes localizacións da Estrada. “Eu á Estrada téñolle moito cariño, é un lugar que me parece moi especial e seguirá séndoo toda a vida”, afirma. “Antes de darme a coñecer no panorama nacional, quero consolidarme aquí na Estrada como artista, que toda a xente me coñeza”. Ademais, anima a todos os estradense a asistir ao concerto que dará no San Paio, pois “moi poucos artistas hai pola zona e, a verdade, para min sería un orgullo que un artista da Estrada queira representar á Estrada tanto se vai á Coruña como a Logroño”.
“Para min é algo moi especial representar á Estrada”
EleDeLewis
Imaxe de portada: EleDeLewis durante a entrevista

Deixar un comentario