Alberto Blanco asegura que o BNG non pode presentar alegacións
O BNG da Estrada presentou unha reclamación administrativa contra os orzamentos aprobados no pleno do mes de febreiro en pleno por posible desviación ilegal de contribucións especiais e risco de desequilibrio orzamentario. Fano baseándose nos artigos 170.1.a), 170.2.a), 170.2.c), 29.3 e 165.4 do Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais (TRLRFL).
Fano tras comprobar que no apartado de ingresos recóllese a consignación de 108.900 euros en concepto de constribucións especiais para as acometidas de auga dende a rede xeral mentras que no anexo de investimentos a esa mesma obra destínanse 121.000 euros que serían financiados íntegramente mediante un préstamo.
Segundo entenden os nacionalistas, “as contribucións especiais non están a destinarse ao financiamento da obra que xustifica a súa imposición”, polo que se estaría a incumprir o artigo 29.3, que especifica que as contribucións especiais só poden destinarse “a sufragar os gastos da obra ou servizo pola razón que se esixiron”.

Por iso, dende o BNG aseguran que é necesario reducir o préstamo — pasaría dos 121.000 euros aos 12.100 –, polo que tamén sería inferior o total do capítulo 9 do orzamento de ingresos (pasivos financieiros), que pasaría de 747.100 euros a 638.200. Á súa vez, iso conlevaría que os orzamentos fosen deficitarios, aseguran, polo que se incumpriría o artigo 165.4, que prohíbe a aprobación de orzamentos deficitarios.
Como consecuencia, solicitan a anulación do acordo plenario polo que se aprobaron os orzamentos e que se reformule o texto para adecualo á lei.
Non poden presentar alegacións
As reaccións dende o Concello non se fixeron agardar ao ver a publicación que fixo o BNG ao respecto en redes sociais. O concelleiro de Economía e Facenda, Alberto Blanco, comezou a súa valoración asegurando que “cónstanos unicamente nas redes sociais porque no Rexistro de entrada parece que aínda non o fixo”.
Blanco Carracedo lembrou que en 2024 o BNG tamén impugnou as contas municipais “e o informe de Intervención dicía que nin os concelleiros nin os grupos municipais están lexitimados para poder presentar alegacións aos orzamentos, co cal incorrería o BNG nunha falta de coñecemento”. Segundo comentou, “parece que a súa motivación non está incluída nos tres supostos para poder alegar a un orzamento”.
“Xa tiveron oportunidade, como grupo municipal, de participar, tanto na comisión de Facenda como no propio pleno de aprobación inicial e non fixeron referencia algunha ao que agora alegan”
Alberto Blanco, concelleiro de Economía e Facenda
O popular non quixo entrar máis no fondo da cuestión e preferiu “agardar a esta alegación, se finalmente as presenta”. Sinalou que, en todo caso, será o departamento de Intervención o que emita o seu informe sobre o recurso, que tería que ser levado a unha comisión informativa de Facenda e, finalmente, ao pleno, ben para a súa estimación ou para a súa desestimación e aprobación definitiva do orzamento 2026.
Artigos aos que fan referencia
Artigo 170. Reclamación administrativa: lexitimación activa e causas
- A efectos do disposto no apartado 1 do artigo anterior, terán a consideración de interesados:
a) Os habitantes no territorio da respectiva entidade local
[…] - Únicamente poderán entablarse reclamacións contra o orzamento:
a) Por non terse axustado a súa elaboración e aprobacións aos trámites establecidos nesta lei.
[…]
c) Por ser de manifesta insuficiencia os ingresos con relación aos gastos orzamentados ou ben destes respecto ás necesidades para as que estea previsto.
Artigo 29. Obras e servizos públicos locais
[…]
3. As cantidades recaudadas por contribucións especiais só poderán destinarse a sufragar os gastos da obra ou servizo pola razón que se esixiron.
Artigo 165. Contido dos orzamentos integrantes do orzamento xeral
[…]
4. Cada un dos orzamentos que se integran no orzamento xeral deberá aprobarse sen déficit inicial.

Deixar un comentario