López Bueno urxe a posta en marcha dun plan de choque para arranxar as vías municipais

López Bueno urxe a posta en marcha dun plan de choque para arranxar as vías municipais

O sucesivo paso de borrascas de alto impacto — aquelas que levan nome -, coas importantes cantidades de auga precipitadas provocaron danos na rede viaria municipal, tanto nas rúas coma nas aldeas. Consciente diso, o voceiro do PSOE estradense, Luis López Bueno, urxiu que se faga un plan de choque para mellorar o estado da rede viaria.

Asfalto roto en Liripio como consecuencia dos temporais // Xornal da Estrada

“A situación actual compromete a seguridade viaria e dificulta a mobilidade diaria dos veciños e veciñas”, sinalou o socialista. Comentou que en camiños que comunican parroquias e que xa se atopaban en mal estado agora “aínda é peor que antes, creando puntos nos que o tránsito resulta perigoso, tanto para vehículos como para peóns”. Esta situación non é exclusiva do rural, tal e como explica, pois no casco urbano detectáronse deficiencias que requiren de intervencións inmediatas, tanto en rúas coma en aparcadoiros disuasorios que, segundo López Bueno, “quedaron peor que nunca”.

“Entendemos que os danos se deron nun período curto de tempo, pero non é aceptable que durante este mes e medio, nin sequera estean anunciada unha actuación extraordinaria nin un calendario de actuacións”, criticou en relación coa axenda do goberno municipal.

Avenida da Cultura // Xornal da Estrada

Por iso, reclamou que se elabore un plan de choque que inclúa un diagnóstico técnico detallado do estado de todas as vías afectadas, a orde de prioridade das actuacións máis urxentes e a dotación dunha partida económica específica para acometer as reparacións coa maior celeridade posible.

Ademais, non só pediu que o goberno municipal arranxe as estradas da súa titularidade, senón que tamén solicite a reparación de estradas provinciais, autonómicas e da N-640, tal e como asegura que van facer eles. Cómpre sinalar que o goberno municipal xa avanzou no seu momento que vanse pór en contacto tanto coa Subdelegación do Goberno en Pontevedra coma co Ministerio de Transportes pola N-640.

Relacionado

Asemade, López Bueno engade que coas actuacións que reclaman non se debería subsanar o dano, senón que se deberían aproveitar os traballos para mellorar firmes, optimizar os sistemas de evacuación de augas e reforzar os puntos máis vulnerables.

Rúa Pozo do Barro // Xornal da Estrada

Imaxe de portada: Fochanca diante dun dos pavillóns da Feira do Moble // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario