O voceiro do BNG estradense, Xoán Reices, pronunciouse respecto ao estado da PO-214 (Baloira – Pontecesures), que se atopa nun estado de “urxencia extrema”, que ten o asfalto “absolutamente desfeito” en gran parte da estrada, especialmente nas parroquias de San Xiao de Vea e Santa Mariña de Barcala.
“A desfeita da PO-214 leva os nomes de Alfonso Rueda e de Gonzalo Louzao”, afirmou o nacionalista, quen só salvou do “estado de calamidade” no que se atopa a PO-214 un tramo en San Xurxo de Vea reasfaltado recentemente.
“A veciñanza non pode seguir circulando por estradas que poñen en risco a súa seguridade. Xa abonda de tanto abandono institucional por parte da Xunta e de tanta compracencia por parte do goberno local do PP”
Xoán Reices, voceiro do BNG
Reices lembrou que levan dende 2018 reclamando melloras nesta estrada de titularidade autonómica, presentando enmendas aos orzamentos da Xunta para dotar de fondos o arranxo da PO-214, aínda que foron rexeitadas polos populares. Tamén acusou ao alcalde estradense, Gonzalo Louzao, que “non move un só dedo” para esixir esta mellora do firme, segundo o nacionalista.
A formación nacionalista mostrou o seu compromiso para seguir reclamando o arranxo do firme nesta estrada. “Os veciños e veciñas necesitan estradas seguras, non parches insuficientes”, concluíu Reices.
Imaxe de portada: estado do asfalto na PO-214 // BNG

Deixar un comentario