O festival O Son dos Arrieiros presentou na mañá deste luns a que será a súa cuarta edición. Terá lugar o 21 de setembro no Teatro Principal da Estrada e contará coas actuacións de Carlos Ares, Luis Fercán e Señora DJ.
Con este cartel, o festival non perde a súa esencia de contar con músicos galegos que están a emerxer. Na edición deste ano, Carlos Ares atópase nese punto e, segundo a produtora Patricia Hermida, está “destinado a triunfar”.
Pola súa banda, Luis Fercán xa ten máis experiencia sobre os escenarios e, grazas ao seu segundo álbum, estáse consolidando “como unha gran proposta musical a nivel nacional”. Ademais, actuará acompañado pola súa banda.
O colofón final poñeráo unha clásica do festival: Señora DJ. Con ela homenaxearánse ás pasadas edicións e soarán cancións de artistas que estarán na edición do 2025.
Aínda que se celebrará no interior do Teatro Principal, onde estrearán as novas instalacións, a entrada será libre e de balde.
A primeira ollada xa se intúe que este festival non vai ser como os anteriores, pois os organizadores están traballando nunha “reavivación estratéxica” de cara á edición de 2025, coa que pretenden solventar “eivas” como as datas na que se celebra – ao ter lugar en setembro “non temos efecto chamada” porque os artistas xa actuaron en moitos outros festivais ao longo do verán – e os relacionados co aloxamento por durar o festival dous días.
Un festival de éxitos
As tres primeiras edicións do festival marcáronse por conseguir “grandes fitos”: en 2021 convertíanse no primeiro festival “en edición pospandemia” que se celebraba de pé. Tamén do Son dos Arrieiros saíron talentos como The Rapants, grupo que este ano volveu á Estrada durante o San Paio, e víronse despedidas como as de Novedades Carminha e Malandrómeda.
Imaxe de portada: Gonzalo Louzao e Patricia Hermida co cartel desta edición // O Xornal da Estrada


Deixar un comentario