OPINIÓN| Hai que darlle a razón

OPINIÓN| Hai que darlle a razón

Por Luis López Bueno

Mal que me pese hai que darlle a razón a Marcos Cacabelos, xerente das Hamburgueserías Brawin. Dá moita rabia xa non só dende o plano político, se non como veciño da Estrada. Marcos dixo con crudeza que A Estrada está morta. Eu quero pensar que só estamos en coma e que aínda queda esperanza, pero os números son caprichosos.

Estamos vivindo un retroceso sen precedentes no Concello da Estrada. Todos os datos din o mesmo: mínimo histórico de poboación, perdemos PIB mentres a nosa contorna medra, máis de 35 comercios pecharon este ano, non hai industria nova e a que aínda temos comeza a deslocalizarse… non hai nada bo ao que aferrarse.

Dá rabia porque o comercio e a hostalaría son o termómetro dun pobo, é onde se move a xente. Desgraciadamente non me queda outra que darlle a razón a Marcos, ás 10 da noite non hai ninguén na rúa, é certo.

Ademais non hai ninguén nos comercios. O que me contan os e as comerciantes da Estrada é que este nadal foi normaliño e que Xaneiro está sendo nefasto. Aínda me comentaban onte que “sempre é regular, sálvannos as rebaixas, pero coma este ano ningún”.

O certo é que me dá rabia como veciño, pero tamén como concelleiro da oposición. Van 14 anos sen que o goberno fora capaz de sacar adiante ningunha proposta para o comercio. Nin sequera quixeron apoiar as que fixemos dende o Grupo Municipal Socialista (bono comercio, estudo comercial, apoio a familias con fillos e fillas, etc.).

Non apoiaron nada e así estamos: o Novo Mercado cada día máis baleiro por moito que agora haxa unha pescadería nova. Comercios pechando incluso na “milla de oro”, na que se contan por decenas os baixos baleiros. Algúns negocios pecharán pronto sen que ninguén colla o relevo. É un escenario catastrófico.

E isto tennos que levar a pensar moitas cousas a todos. Aos políticos tennos que facer reflexionar sobre se estamos atinando co que propoñemos (os que propoñemos algo), e tamén haberá que reflexionar sobre os autónomos por exemplo. Os propietarios deberían darlle unha volta ao prezo de aluguer dos baixos comerciais, sería bo facilitarlle o traballo ás persoas que queren abrir un negocio na Estrada. Os veciños e veciñas en xeral tamén teremos que pensalo dúas veces antes de mercar online ou ir a Vialia ou as Cancelas a facer as nosas compras.

Fai falla unha reflexión colectiva e o que poida facer, que faga.

Comentarios

2 respostas a “OPINIÓN| Hai que darlle a razón”

  1. Avatar de López Bueno valora a resposta de Durán como “un bo pregón para as festas” – O Xornal da Estrada

    […] o local a Santiago porque “A Estrada está morta”. Luis López Bueno, voceiro do PSOE, dáballe veracidade a esas verbas e, este mércores, o concelleiro de Promoción Económica, Óscar Durán, respondía a ambos […]

    Gústame

  2. Avatar de Xurxo
    Xurxo

    Concordo en boa medida co diagnóstico que se fai sobre a situación do noso concello, pero tamén considero que debemos ir máis aló da descrición da crise e afondar nas causas e posibles solucións. Porque si, é innegable que a Estrada está nun momento crítico: perdas de poboación, comercio en decadencia, industrias que marchan e rúa sen vida. Pero limitarnos a sinalar a gravidade do problema non abonda. Fai falla máis análise e propostas.

    Un dos puntos clave mencionados é o do comercio local. Que as rúas estean baleiras ás 10 da noite non é só un síntoma de falta de consumo, senón tamén da ausencia dunha oferta atractiva que anime á xente a quedar ou saír. ¿Cantas actividades culturais ou de ocio nocturno se promoven desde o Concello para dinamizar as fins de semana? ¿Que medidas reais existen para apoiar os comercios locais máis aló das típicas campañas de Nadal? As feiras ou o mercado, que noutros tempos eran o corazón económico da Estrada, hoxe están desvirtuados por exceso de regulación e falta de variedade. Moitos veciños optan por feiras noutros concellos máis pequenos onde hai maior dinamismo e variedade. Isto debería facernos reflexionar sobre como recuperar o atractivo do noso comercio.

    Outro tema fundamental é o prezo dos alugueiros comerciais. É certo que moitos baixos comerciais na “milla de ouro” permanecen baleiros porque os prezos son inasumibles para novos emprendedores. Pero tamén debemos preguntarnos por que. A desconfianza na rendibilidade de abrir un negocio na Estrada é unha das razóns: ¿quen quere arriscarse cando o comercio local está en declive e as vendas son insuficientes? Se non se toman medidas para mellorar o contexto global, como atraer poboación nova ou fomentar un ecosistema empresarial que xere máis actividade económica, o comercio seguirá sendo un sector débil.

    Por outra banda, un dos debates máis complicados: a responsabilidade individual dos veciños. É certo que mercar no pobo é unha acción importante para manter vivo o comercio, pero non se pode culpar exclusivamente á veciñanza. Santiago, internet ou grandes centros comerciais ofrecen comodidade, prezos competitivos e unha ampla variedade que moitas veces non atopamos aquí. Para cambiar iso, necesitamos modernizar o comercio local, ofrecer mellores horarios e promover unha experiencia de compra máis atractiva. Porque a lealdade ao comercio local non pode depender só do “deber moral”; debe ser tamén unha elección práctica e beneficiosa.

    Unha parte que me preocupa especialmente é o enfoque sobre a peonalización do centro urbano. Nunha vila de 20.000 habitantes, onde a maioría da poboación vive en aldeas, parece pouco práctico peonalizar o centro sen pensar nas necesidades das persoas maiores, que dependen do coche para moitos dos seus desprazamentos. ¿Como se espera que unha persoa maior ou alguén que vive lonxe do núcleo chegue ao centro da vila con facilidade, especialmente nun lugar onde chove case todo o ano? Estas medidas deben planificarse de forma inclusiva e adaptada á realidade da Estrada. Algunhas das propostas como as seguintes serían necesarias:

    • Impulsar a creación de servizos de transporte público, conectando as aldeas co núcleo urbano.
    • Mellora da accesibilidade, con máis zonas cubertas ou axudas para desprazamentos de persoas maiores.
    • Crear eventos e actividades que atraian público das aldeas e doutros concellos, dinamizando o centro urbano.
    • Reestruturar o Novo Mercado para facelo un espazo multifuncional, atractivo e dinámico, non só unha pescadería illada.

    Non é razoable lexislar pensando só nas necesidades dun núcleo urbano de 8.000 habitantes cando a maior parte da poboación vive no rural. A Estrada non é unha cidade, e as súas políticas deben reflectir este carácter híbrido. Ignorar isto só xera malestar entre a poboación e, a longo prazo, máis despoboamento.

    Gústame

Deixar un comentario