Gonzalo Louzao Dono, alcalde da Estrada
Tralo éxito das festas do Salmón e da Feira da Sidra celebradas hai poucas semanas con grande afluencia de público, toman o relevo as nosas festas patronais de San Paio. Festas que son sempre unha boa ocasión para unirnos ao redor das nosas tradicións e acender a chama da ilusión colectiva.
Tamén son un momento idóneo para acoller, amigablemente, todos os visitantes que, ao abeiro do programa de festexos e dos moitos atractivos que en materia patrimonial e gastronómica posúe o municipio, se achegan á nosa vila para gozar da súa hospitalidade.
Non quero deixar pasar a ocasión tampouco de agradecerlle á comisión de festas o empeño que puxo en confeccionar un programa variado e de calidade. Todos e todas as que formamos parte, nalgún ou outro momento, dunha comisión de festas sabemos a importancia que ten esta celebración para unha vila en termos de unidade e convivencia, e o esforzo que supón a súa organización.
Pero se as Festas de San Paio responden á teima de conservar e potenciar as nosas tradicións, tamén deben ser ese momento especial que nos permita compartir momentos de alegría e diversión con familiares e amigos. As festas son sempre a mellor escusa para aparcar os problemas do día a día e gozar da hostalaría local e dos moitos engados que ten o noso municipio e as súas xentes.
Aproveito, por último, a ocasión para darlles a benvida a todos os veciños e veciñas que se incorporaron á nosa comunidade durante estes doce últimos meses. A Estrada é unha vila de brazos abertos. Así que desexo de todo corazón que pasedes uns días inolvidables durante as festas, gozando da fraternidade e o vitalismo das nosas xentes.
Imaxe: // Concello da Estrada


Deixar un comentario