O BNG vai levar ao Parlamento o caso dunha rapaza que, ao comezar a ESO no García Barros, quedou sen a coidadora coa que contaba e que, segundo a familia, precisa para poder desenvolverse no seu día a día no centro sen dificultade e coa que si contaba durante a Educación Primaria. Cómpre sinalar que a alumna conta cun grao de discapacidade recoñecida do 65%.
O grupo municipal nacionalista – formado por Xoán Reices e Sindo Villamayor -, membros do partido a nivel local e a deputada Ariadna Fernández mantiveron unha xuntanza coa nai para coñecer máis de preto o caso.
Desde o BNG comentan que a familia non recibiu ningún tipo de comunicación por parte da consellería de Educación. Engaden que a proxenitora mostroulles a súa vontade de loitar “sen descanso para que a súa filla sexa atendida segundo as necesidades”.
O voceiro municipal nacionalista asegurou que “este caso podería afectar a calquera alumno ou alumna da Estrada e non podemos quedar á marxe cando o que se está é a traballar en contra da inclusión e a integración, cando están en xogo os dereitos de nenos nenas e adolescentes”.
Pola súa banda, Ariadna Fernández avanzou que “continuaremos co seguimento deste caso, traballando a través de sendas iniciativas parlamentares que soliciten que se dote deste servizo ao IES García Barros, para que tanto os docentes, que recoñecen que é preciso que unha coidadora atenda á alumna en cuestión, coma a propia afectada e a súa familia poidan desenvolver sen problemas a súa vida tanto dentro do centro de estudos coma fóra del”.
Imaxe de portada: encontro do BNG coa nai da rapaza // BNG


Deixar un comentario