Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada, saíu ao paso das declaracións feitas polo voceiro do PSOE no concello, Luis López Bueno, en relación coa variante da EP-7016 (estrada de Vinseiro).
Despois de que se coñecera que o ministerio de Transportes non aceptaba o proxecto por incumprir cuestións técnicas – para ser exactos, o ángulo de incorporación á rotonda das Colonias, a distancia mínima respecto ao acceso anterior e a pendente máxima de entrada -, Louzao Dono desvelou que o proxecto redactouse durante o mandato de Carmela Silva (PSOE) e que “foi consensuado coas persoas que estaban dirixindo o Ministerio de Transportes na provincia de Pontevedra naquel momento”, polo que alega motivacións políticas como causa dese informe negativo.
Este venres continuou desvelando detalles. “Só faltaba este informe para poder asinar o convenio e comezar a obra, que é o que nos piden os veciños”, lembrou o alcalde antes de avanzar que “pedín unha cita con Transportes para tentar buscar unha solución aos problemas que lle estaban poñendo á Deputación antes de que se asinara o informe, pero non se molestaron nin en contestar”, comentou.
“Cheguei a ir alí e dixeron que chamarían, cousa que non fixeron”
Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada
O mandatario comenta que se puxo en contacto “co subdelegado do Goberno en Pontevedra, que que dixo que tería unha reunión na que preguntaría por esta cuestión, pero preferiron filtrarlle antes a resposta á prensa e chamarme a min despois”. “Todo un detalle institucional”, recriminou.
Críticas ao PSOE
En canto ao debate político que se estableceu entre o goberno e o principal partido da oposición, Louzao ironizou ao comentar que ao PSOE dáselle ben “facer xirar a manivela da máquina do fango que el mesmo inventou”. Aínda que recoñeceu ser pouco dado a alimentar debates estériles e populistas “que tanto lle gustan aos socialistas e tan pouco merecen os estradenses”, asegurou que “o señor López Bueno sacou a camiseta da Estrada para vestir a que verdadeiramente sinte: a do seu partido”.
“Está poñendo o foco onde non hai que poñelo, nun intento desesperado por taparlle as vergoñas ao ministerio, sen asumir que é o que está obstaculizando esta obra”
Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada
“A Deputación de Pontevedra non pon os problemas, señor Bueno. O que pon son os cartos necesarios para sacar adiante esta obra, contando coa colaboración do Concello da Estrada, que é quen paga as expropiacións”, continuou.
Acusou ao socialista de abandonar “á primeira de cambio” o consenso e o apoio sen fisuras a unha obra “completamente necesaria e urxente para mellorar a seguridade de condutores e peóns no enlace entre a EP-7016 e a N-640”. “Sitúa, de xeito artificioso un problema onde non o hai, tentando á desesperada ocultar que o mesmo proxecto para o que antes había consenso co ministerio no goberno provincial de Carmela Silva, agora atopa atrancos co de Luis López”, engadiu.
Cómpre lembrar que, tal e como recolleu este medio, López Bueno si que recoñeceu a necesidade desta actuación pois, nas súas palabras, “é un risco para a seguridade viaria dos veciños de Guimarei, Cereixo, Vinseiro e Lagartóns”.
En canto ás explicacións ofrecidas polo socialista dos motivos que impiden a aprobación do informe, “son un calco das publicadas pola prensa. Vese que está informado de primeira man”, ironizou.
O rexedor suxeriulle ao líder da oposición que “volva ao lugar no que o puxeron os veciños da Estrada e defenda os seus intereses”. “Con este enfoque o único que demostra é que lle preocupa ben pouco esta obra e a seguridade; para el semella máis urxente xustificar ao seu partido”, manifestou.
Louzao concluíu solicitando “vontade política” para solventar esta situación – algo que asegura non ter visto – e que se convoque a reunión técnica a tres bandas que solicitou, na que se sentarían Concello, Deputación e Transportes. “A min é o que me importa. A demagoxia barata déixolla a outros”, rematou.
Imaxe de portada: actual entronque entre a EP-7016 e a N-640 // Xornal da Estrada


Deixa unha resposta