Publicidade

As Noites de Xogos regresan cun torneo dun xogo de creación propia

O colectivo Counter Slime recupera as Noites de Xogos. Esta iniciativa, que viñan celebrando o primeiro sábado de cada mes, retómase tras un parón dun ano. Fano estreando un xogo de creación propia.

Comezarán ás 19.00 horas na Estación. Terán videoxogos, xogos de mesa e de rol e un torneo. Será dun xogo de mesa que están creando. Consistirá nun xogo de cartas para o que se empregará as cartas do Magic. Na baralla haberá cartas de cinco cores, que serán “rexións”. O obxectivo do xogo é, xogando unha carta por cada ronda, conseguir facerse cunha carta de cada rexión ou con cinco cartas dunha mesma rexión. Quen o consiga, gañará a partida. Será a estrea deste xogo.

No caso de que a xente se anime, tamén farán un torneo doutro xogo propio, que bautizaron como Me importa un dedo. É unha sorte de BlackJack con normas modificadas. Os dedos empréganse como vidas.

Sorteo

En torno ás 23.30 horas farán un sorteo. A través do Instagram de Counter Slime están facendo unha sección na que os usuarios teñen que adiviñar personaxes de videoxogos. Se acertan, conseguen tickets para participar no sorteo.

Na adiviñanza que teñen en marcha, trátase dunha personaxe “moi coñecida”, segundo indican dende o colectivo. Polo de agora, deron catro pistas pero ninguén foi quen de dar co nome. Para participar só hai que escribir nos comentarios das publicacións quen se cre que é a personaxe.

O premio do primeiro sorteo aínda non está do todo definido, pero apuntan a que podería ser un Sonic que serve para suxeitar os mandos da consola. Se quen gaña non está presente poñeranse en contacto co agraciado.

Comentarios

Deixa unha resposta