O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e o deputado provincial de Acción Comunitaria, Javier Tourís, visitaron este martes varias das asociacións que se beneficiarán do novo plan de axudas da Deputación de Pontevedra destinadas a asociacións de veciños e de mulleres rurais para o financiamento de bens e servizos en eventos ou actividades. Polo momento son 12, pero poden sumarse máis ata finais de mes. Recibirán ata 1.000 euros.
Polo de agora teñen confirmada a súa participación neste plan a Asociación de Veciños O Outeiro de Tabeirós, Asociación Veciñal e Cultural A Farrapiña (Pardemarín), a Asociación Veciñal e Cultural Ribela do Umia, a Asociación Veciñal San Lois de Orazo, a Asociación de Veciños de San Breixo de Lamas, a Asociación de Veciños de Rubín, a Asociación de Mulleres Rurais de Castro, a Asociación As Bugineiras de Nigoi, a Asociación de Veciños de Frades, a Asociación de Mulleres de San Pedro de Ancorados e a asociación Fonte da Barreira de Souto.
A oferta inclúe propostas moi variadas, como sesións de memoria, música tradicional, bailoterapia, plantas medicinais, zumba, promoción da saúde e do envellecemento activo, promoción da saúde e o benestar, cociña saudable, exercicio físico ou conservación de alimentos.
“Son exemplos de asociacións que apostaron por esta liña de axudas para incrementar o dinamismo social na parroquia con actividades altamente positivas para a colectividade”, apuntou o alcalde. Animou ás asociacións a anotarse, tendo en conta que o prazo remata o 30 de novembro. O rexedor agradeceu o traballo de asesoramento que realizan dende o departamento municipal de Subvencións, dirixido por Ana Ferradáns, para ofrecer facilidades ás asociacións.
Imaxe de portada: visita a Ribela // Concello da Estrada


Deixa unha resposta