
O candidato á Alcaldía do BNG, Marcos Borrageros, criticou que “o Ministerio non tomou ningunha medida” sobre a N-640 despois de que se produciran 13 atropelos nos últimos sete anos. Estas declaracións fíxoas o día antes de que a candidata ao Congreso, Carme da Silva, manteña un encontro con veciños en torno á seguridade da N-640.
Borrageros lembrou que o BNG levou a situación desta estrada de titularidade estatal ao Congreso en numerosas ocasións. “A resposta foi sempre a mesma: que non detectaba que ese tramo tivese unha alta sinistralidade. Con trece atropelos e tres persoas falecidas, é imposible sustentar esa afirmación”, asegurou.
A día de hoxe, comentou Borrageros, “o Ministerio non tomou ningunha medida”. “A seguridade das persoas da Estrada non pode depender de que un departamento ministerial recoñeza ou non o que a veciñanza vive cada día. Esixímoslle que actúe xa: que revise os datos, que escoite a quen camiña por esta vía e que execute as actuacións necesarias para protexer os peóns”, engadiu.
Este xoves ás 17.30 horas o local do BNG na Estrada, sito na Rúa Pérez Viondi, acollerá un encontro veciñal con Carme da Silva para falar sobre este asunto. Nel escoitaranse as demandas dos estradenses en torno a esta estrada.
Luns, mitin
A este acto sumaráselle un mitin o vindeiro luns ás 20.00 horas no MOME. Nel intervirán o candidato á Alcaldía, Marcos Borrageros, a Deputada no Parlamento, Ariadna Fernández, e a candidata ao Senado, Marta Gómez.
Imaxe de portada: a N-640 na Estrada // Xornal da Estrada


Deixa unha resposta