O ciclo Un cómico na aldea volve percorrer dende este sábado o rural estradense. Paradela será a parroquia na que comece a segunda parte do ciclo do ano 2026. No 2025 tivo 600 espectadores.
“Un cómico na aldea non só nos brinda un cartel profesional e de calidade en cada convocatoria, senón que nos ofrece unha proposta na que se aposta de xeito decidido pola descentralización no acceso á programación cultural. Iso é algo moi importante nun concello como o noso: eminentemente rural, coas súas 51 parroquias e 473 núcleos de poboación. É proximidade por encima da dispersión”, valorou a concelleira de Cultura, Lucía Seoane.
Cada ano 20 parroquias reciben este ciclo de humor, 10 en primavera e 10 en outono. Este ano, a quenda de outono celebrarase entre outubro e novembro. As parroquias incluídas serán Paradela, Callobre, Nigoi, Moreira, Frades, Berres, Oca, Souto, Loimil e Rubín.
Programación outubro
- Día 3 (20.00h): Paradela. Isi e o Mago Toño
- Día 10 (20.00h): Nigoi. Maxia con Pablo Estévez
- Día 17 (19.30h): Moreira. Celtas con filtro, Unidade de Produción EMAE
- Día 17 (20.30h): Callobre. Foise no vento, Unidade de Produción EMAE
- Día 24 (18.00h): Frades. Isi e o Mago Toño
- Día 31 (19.30h): Berres. Contada de medo, Lois Pérez
Programación novembro
- Día 07 (19.00h): Local social de Oca. Contada de medo, Lois Pérez
- Día 14 (20.00h): Souto. María da Pontragha
- Día 21 (20.00h): Loimil. A clave 39, Teatro Clámide
- Día 28 (20.00h): Rubín. María da Pontragha
Imaxe de portada: presentación do ciclo // Concello da Estrada


Deixa unha resposta